Lugo, 13 de xullo de 2015. En datas pasadas a Conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, mantiña unha xuntanza con diversas organizacións agrarias, co fin de tratar de buscar solucións a difícil situación que vive a día de hoxe o séctor lácteo galego.
Dende a Federación Rural Galega – FRUGA recordan que “segundo palabras da propia conselleira existen preto de 3.000 gandeiros que cobran o leite por debaixo de 0,20 euros litro o que significa que estas explotacións sufren importantes perdas derivadas da producción de leite. Igualmente podemos observar como temos un prezo medio moi por debaixo dos custes de producción”.
Igualmente, durante a xuntanza “puidemos observar como por parte da Consellería se fixo unha vez máis, unha exclusión, xa que somentes se convocou a tres organizacións sindicales, deixando fóra desta convocatoria a outras organizacións profesionales agrarias, como é o caso de FRUGA”. Isto demostra “o pouco interese que este goberno ten no sector lácteo, xa que nunha situación de máxima gravidade para este sector tódalas organizacións deben ser partícipes do diálogo que se poida abrir coa administración”. Polo tanto, “excluír das xuntanzas negociadoras a certas organizacións, significa actuar dunha forma cobarde e pouco seria, nun momento como este, no que o sector lácteo está en serio perigo de desaparición”.
Tamén recordan que “nesta xuntanza comprobamos a ausencia case que total da industria, xa que agás unha central leiteira que recolle leite na Galiza, non houbo outra empresa que estivera presente nesta xuntanza. Na difícil situación que nestes momentos se vive no séctor lácteo, que a conselleira sexa incapaz de xuntar nunha mesa as principais centrais que recollen leite neste país, demostra unha absoluta nulidade na súa acción de goberno, polo que o dano que esta conselleira lle está a facer ao sector lácteo galego é irreparable”.
Polo tanto, “ante esta situación, dende FRUGA parécenos que o mellor que pode facer esta señora polo ben dos gandeiros e gandeiras de leite galegos, é dimitir”. É por iso que “dende Fruga solicitamos a súa dimisión”.