San Cibrao, 22 de xullo de 2015.- O pasado sábado, a Sección de Piragüismo do Club Deportivo San Cibrao desprazouse ao Campo de Regatas de Verducido – David Cal, onde se disputou o Campionato Galego para a categoría de Infantil, sobre unha distancia de 1000 metros.
Neste Campionato, polo C. D. San Cibrao só participaba a nova padexeira Bárbara Gargallo que, a pesar de ser o seu primeiro ano na categoría Infantil, está a obter bos resultados.
Nesta ocasión a competición iniciouse as 10:05 horas cunha proba contra reloxo, na que participaban 29 padexeiros. Bárbara Gargallo, entrou en meta en 9ª posición cun tempo de 5’28 ”. Nesta primeira proba clasificáronse as 18 primeiras padexeiras, das cales as nove primeiras clasificadas disputaron a Final A e o resto pasaron á Final B.
Ás 12:17 horas, disputouse a Final A, na que Bárbara Gargallo, remando pola rúa 9, conseguiu colocarse en 8ª posición cun tempo de 5’40”.
Despois de alcanzar este resultado o Club espera que a nova padexeira siga na liña ascendente que vén desenvolvendo durante esta tempada. Todo iso grazas ao esforzo realizado e á constancia nos adestramentos, sobre todo na época invernal.