Ribadeo, 22 de xullo de 2015.- A concelleira de Turismo, Ana Martínez, presentou na mañá deste mércores os datos turísticos do municipio na primeira quincena de xullo, unhas cifras que a edil definiu coma moi positivas, tanto no número de visitantes como no funcionamento de web que o Concello presentou en Fitur, en xaneiro pasado.
“Cabe salientar a consolidación de Ribadeo como destino turístico cada vez máis firme. Un dato importante é o uso e o impacto da nova páxina web de turismo (turismo.ribadeo.gal) que foi usada para buscar información por máis de 20.700 persoas. Penso que é unha sinal de que se está chegando cada vez a máis xente, e non só aquí no destino, senón como atracción para que se elixa Ribadeo como tal destino. A maioría dos usuarios son españois, fundamentalmente madrileños, seguidos de galegos, cataláns e asturianos. Seguindo a España temos EEUU, Reino Unido, Alemaña e como dato importante e curioso hai máis de 100 entradas dende China e outras 100 dende Rusia. Iso quere dicir que non só informamos en destino, senón que se informa a través desas novas tecnoloxías para que nos elixan como destino. Iso reflicte a importancia dunha boa páxina e unha boa información na rede”, indicou a edil nacionalista.
Tamén dos datos de ocupación hoteleira son moi alentadores. Martínez sinalou que “o número de visitantes que solicitan información in situ na propia oficina de Ribadeo é similar ao de outros anos. Destacamos o Ribadeo Indiano, no que o noso concello estivo cheo de xente. Sabémolo pola sondaxe que fixemos entre os hoteis; a ocupación foi practicamente do 100%. Nestes outros 15 días do mes chegouse a unha media do 80%, similar ao ano pasado. Incrementouse o turismo internacional, potenciado en gran medida polo tránsito de peregrinos, destes peregrinos que están a facer o Camiño do Norte, que nestes últimos tempos acaba de ser declarado Patrimonio da Humanidade, o cal supón un atractivo maior para querer escoller este Camiño de peregrinación, que ademais ten a súa entrada en Galicia por Ribadeo. Foron case uns 400 peregrinos os que elixiron nesta quincena este camiño e cada vez veñen máis grupos organizados que solicitan ao Concello os nosos servizos para poder pasar a noite, cousa que estamos intentando habilitar nos propios pavillóns polideportivos porque é imposible noutras instalacións”.
A concelleira de Turismo dixo que a praia das Catedrais rexistra un ano máis gran parte das visitas ao municipio de Ribadeo e avaliou ademais, a primeira quincena de aplicación do Plan de Conservación promovido pola Xunta que regula o acceso ao areal dende primeiros deste mes: “nesta primeira quincena, e xa con ese plan en vigor, debemos dar conta do gran número de consultas que recibimos tanto por teléfono como por mail de xente que ten feita as reservas e que preguntan como acceder e como conseguir os pases para entrar á praia”.
Foron, segundo os datos das oficinas de información do municipio 12.000 persoas as que preguntaron polos recursos turísticos de Ribadeo nos primeiros 15 días de xullo. Na praia das Catedrais percíbense cambios en relación aos hábitos dos visitantes, segundo Ana Martínez, “este verán a afluencia concéntrase entre as 2 e 3 horas arredor da baixamar, cando en anos anteriores os visitantes se distribuían ao longo do día. As nosas guías dinnos que os turistas veñen pasear menos polo entorno e nin sequera pasan o día na praia. Cóntannos que se toma máis como un espazo para sacar a foto e marchar, incluso hai xente que di que non se pode bañar ou tomar o sol na propia praia. Tamén notamos unha redución na estancia da zona, que a maioría da xente que acude ao punto de información das Catedrais fundamentalmente piden datos sobre como acceder á praia, pero non se deteñen como noutros anos a pedir explicacións máis amplas do que é a Mariña ou o Occidente de Asturias”. A edil subliña que “é precisamente o contrario do que intentou o Concello nestes anos, nos traballamos para que este atractivo turístico tan potente como é a praia das Catedrais sexa o fixador de visitantes neste entorno, neste destino. Dende o Concello levamos adiante diversas medidas, incluso iniciamos hai uns días as xeorrutas, nas que levamos traballando varios meses xunto coa Universidade de Santiago de Compostela a nivel formativo, e nas que 3 xeólogos explican a diario aos visitantes non só a praia e as súas formacións, senón a importancia do entorno e do resto da costa cara Ribadeo. Así imos intentando chamar a eses visitantes cara Ribadeo e explicarlle outras alternativas que pode atopar no noso concello. É gratificante ou curioso ver como a Xunta se apunta ao carro destas medidas, porque aos 2 días de iniciar nós as xeorrutas arrancaron eles tamén cunhas rutas informativas pola praia das Catedrais. En todo caso será que as nosas propostas non teñen tanto de despropósito e que todos sumamos no mesmo camiño”.
Ana Martínez quixo destacar tamén a calidade do sector servizos en Ribadeo: “quero destacar a importancia do sector servizos, cun número importante de prazas hoteleiras, preto de 2000, a calidade dos restaurantes, dos comercios e dos servizos turísticos. Cada vez son máis os servizos que ofrecen en Ribadeo por parte de empresas turísticas privadas, que fan de Ribadeo destino turístico”.





















Evaristo Calvo, Rebeca Montero e Vítor Mosqueira interpretaron o pasaxe que recrea os últimos momentos do Mariscal Pardo de Cela e da súa muller, Isabel de Castro, antes da traizón da Frouseira. A acción cultural, coordinada por Carme Varela e promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, rende homenaxe ao gran dramaturgo do Valadouro no seu primeiro cabodano.
Estiveron acompañados polas dúas técnicas de Xuventude, para gozar dunha mañá nas distintas actividades que ofrece este parque de trampolíns. Pola tarde, o grupo parou a xantar no Lago das Pontes, onde puido coñecer a historia da súa creación e desfrutar dun baño. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa “Verán a Tope en Xove 2026”.
O 112 Galicia tivo constancia do accidente arredor das 13:20 horas deste martes. Segundo varios particulares, dous turismos colidiran no quilómetro 79 da LU-862. Nun vehículo había un ferido, mentres que no outro unha persoa estaba atrapada, aínda que se atopaba en bo estado trala colisión. Desde o CIAE 112 Galicia informouse ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Viveiro, á Garda Civil de Tráfico e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Vicedo. Unha vez no punto, a dotación de bombeiros puido liberar á persoa atrapada.
A Orquesta Mondragón con Javier Gurruchaga á cabeza e Fórmula V con Paco Pastor encheron de lembranzas e de ritmo a noite ribadense. Desde o Concello fan un balance moi positivo do concerto "xa que contribuíu á dinamización económica da nosa vila".
O Campo de Fútbol de As Valgas acolleu as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que pechou unha noite inesquecible.
Alí salientou o papel que desenvolve este evento no impulso dos produtos agroalimentarios de proximidade, ao tempo que favorece as canles curtas de comercialización. Destacou tamén a importancia deste mercado, considerado como un dos máis antigos da provincia de Lugo, xa que ofrece unha ampla mostra dos principais oficios de artesáns da Idade Media. Ademais, permite aos asistentes gozar de actividades variadas e degustar produtos agroalimentarios diversos.
A institución provincial colabora con ambas citas, organizadas pola Asociación Cultural Amigos da Liga Santaballesa, cunha achega económica de 4.000€. García Porto recalcou que “estes eventos son un exemplo de como a historia da emigración pode converterse nun atractivo turístico de calidade, capaz de atraer visitantes e de reforzar o orgullo de pertenza da veciñanza”.



