Lugo, 9 de xullo de 2015.- O subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, e o alcalde de Burela, Alfredo Llano, copresidiron na mañá deste xoves a reunión da xunta local de seguridade na que fixeron unha análise global da situación delincuencial no municipio.
Segundo os datos de denuncias formuladas nos cinco primeiros meses deste ano, a delincuencia rexistrou un lixeiro descenso en Burela con respecto ao mesmo período do ano pasado, sendo máis reseñable a baixada dos delitos contra o patrimonio. Pola contra, soben os delitos contra a seguridade colectiva, entre os que se inclúen os delitos contra a saúde pública ou contra a seguridade vial.
Os membros da xunta local de seguridade destacaron o traballo dos corpos policiais e valoraron o alto grao de eficacia acadado na resolución dos delitos en Burela. A Garda Civil detivo, de xaneiro a maio, a 29 persoas no municipio pola súa implicación en feitos delictivos.
Reforzo da seguridade
No transcurso da xuntanza deste xoves abordáronse tamén os dispositivos que os corpos policiais porán en marcha para reforzar a seguridade durante o período estival na localidade, especialmente na zona dos areais e durante a celebración de eventos festivos como a Feira do Bonito, en agosto, ou o festival Osa do Mar, en setembro.
Así, e aínda que os organizadores de cada evento ou o propio Concello irán deseñando os respectivos dispositivos de seguridade en función das súas responsabilidades, na xuntanza adiantouse que os efectivos de Policía Local intensificarán os traballos de vixianza para evitar calquera incidente. Contarán ademais coa colaboración da Garda Civil, que se comprometeu a traballar conxuntamente cos efectivos locais para previr a comisión de posibles delitos e velar polo mantemento da orde pública na localidade.
Este traballo conxunto favorecerá unha resposta máis áxil e eficaz ante as posibles necesidades dos veciños ou visitantes que se achegan a Burela durante os meses de verán, aumentando considerablemente a súa poboación.
Plans para maiores e escolares
O subdelegado do Goberno informou tamén do traballo realizado polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado para favorecer a seguridade dalgúns dos colectivos máis vulnerables, como as persoas maiores ou os escolares. Neste sentido, Ramón Carballo referiuse ás charlas impartidas no marco do Plan Maior de Seguridade, posto en marcha polo Ministerio, nas que os axentes informan ás persoas de máis idade dos riscos que constitúen unha maior ameaza para a súa seguridade e as medidas de autoprotección que poden adoptar.
En canto aos escolares, o subdelegado aludiu a outro plan posto en marcha a nivel nacional, o Plan director para a convivencia e a mellora da seguridade escolar nos centros educativos, neste caso dirixido á comunidade educativa. Así, no curso 2014/2015, impartíronse 11 charlas en centros educativos de Burela sobre temáticas como o acoso escolar, o riscos do uso inaxeitado de internet e as novas tecnoloxías, a prevención de incendios ou o consumo de drogas. No mesmo período, beneficiáronse do plan 127 centros de ensino e máis de 14.500 alumnos en toda a provincia.
Na reunión deste xoves participaron, ademais do subdelegado e o alcalde de Burela, representantes da Garda Civil, a Unidade de Tráfico, a Policía Autonómica e a Policía Local, entre outros.