A Mariña, 14 de xullo de 2015. Este xoves 16 de xullo, a mocidade do BNG organizada en Ribadeo, xunto con simpatizantes e co apoio da organización nacionalista, poñerá en marcha unha Festa da Patria no Parque de San Francisco a partir das 19.30 horas. Nesta actividade contarase coa intervención de mocidade da propia vila e de Antonio Veiga, responsábel comarcal de política municipal e deputado provincial. Tamén poderemos gozar dunha actuación levada a cabo pola recoñecida actriz Isabel Risco e saborear comida de produción local elaborada pola coñecida ribadense Lola de Remourelle.
Como di Andrea Martíns –responsábel local de Galiza Nova-, “con este acto pretendemos mostrarlle á xente de Ribadeo que o BNG está conformado por persoas que queremos cambiar o contexto que nos rodea como galegas e facelo partindo das necesidades da sociedade, pero tamén desde unha perspectiva animada e lúdica, sen barreiras”. Engade que, “por iso decidimos apostar neste caso pola nosa cultura e gastronomía, contando con dúas persoas referentes a nivel galego e local nestes eidos, pero tamén poñendo en valor o traballo militante”. Para ela, “é importante que a xente nova comece a ter conciencia das necesidades que o pobo galego temos á hora de marcar un futuro non supeditado ás decisións de Madrid, por iso o 25 de xullo as rúas de Compostela deben estar ateigadas”.
Martín Graña, responsábel comarcal de Galiza Nova, chama á mocidade galega a rebelarse e a continuar a ter unha perspectiva crítica onde saibamos diferenciar cal é o proxecto político que realmente é necesario para que medremos como pobo e con soberanía que nos permita decidir sen ter medo ao que nos digan desde Madrid, xa que a maioría de decisións tomadas neste nivel o único que fan é prexudicarnos”.
O acto comezará sobre as 19.30 horas e continuará até aproximadamente as 22h, entre música, baile e festa.