É duro, moi duro, ter que deixar aos teus, coller a maleta e uns cantos aforros, subirte a un barco e chegar a un país estraño a miles de quilómetros da túa xente, da túa familia, co único obxectivo de loitar, de traballar para ofrecerlles un futuro digno aos fillos nalgúns casos ou simplemente un cacho de pan que levarse á boca noutros. Foron moitos os nosos antepasados que decidiron dar ese paso a finais do século XIX ou mesmo a principios e mediados do XX. Uns fixeron fortuna e asentáronse en países coma Venezuela, Uruguai, Arxentina ou mesmo Cuba, pero non todos tiveron a mesma sorte. Os que puideron facelo volveron visitar os lugares que os viron nacer, as súas raíces e os lazos familiares que aínda seguen a ter nesta terra. Tamén os houbo que decidiron vir pasar os seus últimos días aquí para descansar a carón dos seus para sempre. Pero moitos nesa viaxe non correron a mesma sorte, atoparon traballos precarios e foron explotados, aínda que en moitos casos esa imaxe nunca chegou ás súas familias. Algúns ata se viron na obriga de finxir a historia dos seus “amos”, dos seus xefes, dos seus “señores”… e así ocultar as calamidades que nalgún momento tiveron que pasar. Só uns poucos decidiron retornar tal e como marcharon, cunha man diante e coa outra detrás.
Tamén os houbo que viaxaron por Europa adiante. Foron a Suiza, a Francia, a Alemaña e aqueles que decidiron dar un salto aínda máis grande e chegar ata Australia.
Todos, os que triunfaron e os que non puideron facelo, foron uns valentes, de aí que os admire profundamente ao igual que admiro e respecto a todas e cada unha das persoas que, chegadas desde infinidade de países do mundo, escolleron Ribadeo, A Mariña ou Galicia para buscar un futuro mellor, para loitar polos seus soños. Os que se foron hai un século, os que aínda o fan agora de aquí para aló e de aló para aquí teñen un denominador común: unha maleta chea de recordos e de ilusións, unha maleta de ida e volta…
Desde este xornal, e con motivo da celebración do II Ribadeo Indiano, gustaríame renderlles homenaxe a todas esas persoas coas que cada día nos cruzamos pola rúa nesta vila de Ribadeo, porta norte de entrada a Galicia, chegadas dende Brasil, Portugal, Colombia, República Dominicana, Uruguai, Arxentina, Venezuela, Ecuador, Cuba, México, Romanía, Marrocos, Senegal,… e desde outros moitos puntos do mundo. Eles e elas, ao igual que os nosos antepasados, deixaron o que tiñan e quixeron buscar un futuro mellor para as súas familias. Algúns terano máis fácil, a outros seralles máis complicado, pero con esforzo, con dedicación e con entrega seguro que o poderán conseguir. Lembremos sempre que os ribadenses, e o resto dos galegos, tivemos e temos que emigrar e que aló onde cheguemos tamén seremos inmigrantes, tamén seremos estranxeiros, e a todos nos gustará que nos traten con cariño, con familiaridade, como si estivésemos na nosa casa, que nos axuden, que nos respecten e que nos entendan. A miña admiración e respecto a tod@s @s que tiveron e teñen que coller algún día esa maleta de ida e volta, sexa de onde sexa e vaian a onde vaian.
Agora o que toca é gozar tod@s xunt@s co II Ribadeo Indiano!!!
Carmen Cruzado
Xornalista.




















O actor e humorista continuará a súa xira pola comarca e presentará esta mesma proposta en Burela o venres 27 de marzo, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura. O monólogo combina imaxes e historias, con contidos novos e outros xa coñecidos, sempre cun humor moi persoal. A función está recomendada para maiores de 14 anos e as entradas, a 5 euros, poderán adquirirse no despacho de billetes desde unha hora antes. O evento conta coa colaboración do Concello de Burela, a Xunta de Galicia, a Agadic e a Rede Galega de Teatros e Auditorios.
A Guía Repsol destaca 24 locais galegos como Soletes de primavera para gozar nesta Semana Santa. Galicia suma xa 357 establecementos recoñecidos con este distintivo, que non se renova nin se revalida, senón que se concede como categoría única. Na provincia de Lugo figuran seis Soletes: ‘Caserío Meiroi’ (Navia de Suarna), ‘Ebos’ (Vilalba), ‘Faragullas’ (Mondoñedo), ‘La Salina’ (Sarria), ‘Ramón’ (Lugo) e ‘Trespés’ (Monforte de Lemos).
López agradeceu á Academia Galega do Audiovisual por escoller Lugo e destacou a importancia do evento para visibilizar o talento local e o apoio provincial ao sector. A gala contou cunha ampla representación lucense: Nuno Pico e Xaime Miranda polo videoclip Antes fun moi malo; Fran Fórneas e Sergio Marey por Ferido do Xoán; Sabela Ramil e Andrea Mesa por Non cho podo dar; o dúo Fillas de Cassandra; e o burelés Breixo Llano, do equipo de Cos pés na terra. Ademais, a película Sirāt, do naviego Oliver Laxe, foi unha das grandes favoritas con 14
O acto institucional, celebrado este venres, contou coa participación da directora xeral de Igualdade do Principado e coa música de Clandestías.
Habilitarase o Rego das Flores. Desde o Concello recoméndase á cidadanía ter en conta esta incidencia nos seus desprazamentos mentres se manteña a restrición.
A cita celebrarase en Burela entre os días 4 e 6 de setembro, e xa están confirmadas preto dunha ducia de actuacións, entre elas as de Arume, Depedro, Éxtasis, Gara Durán, Juventude o La Milagrosa. O Goberno galego vén cooperando cos organizadores do festival, “que alcanza a súa duodécima edición consolidado como un motor de dinamización económica y cultural para a localidade”, afirmou Arias.
Será un concerto acústico e intimista, pensado para gozar da súa música nun formato próximo. Entrada libre ata completar aforo.



