9 de xullo de 2015.- O debate sobre os feminismos transxénero, habitualmente chamados “transfeminismos” é o tema elixido polo Observatorio da Mariña pola Igualdade para continuar cunha nova edición do ciclo de charlas-café FALEMOS DE… A charla terá lugar o xoves 16, a partir das 20.30 horas, na cafetería ‘Galería 56’ de Ribadeo (Amando Pérez, 9). Dada a complexidade do fenómeno e a coexistencia de diferentes posturas sobre os transfeminismos, o obxectivo da sesión é propiciar un debate fondo e crítico sobre o tema, complementando os enfoques das teorías feministas con exemplos da posta en práctica.
Para iso contaremos coa presenza de dúas expertas. Dunha banda, Beatriz Suárez Briones, profesora da Universidade de Vigo e especialista en feminismos queer e lesbianos, ademais de recoñecida activista LGTB (lesbian-gay-transexual-bisexual) en Galiza. Da outra, Cristina Palacios,presidenta de ARELAS (a Asociación de familias de menores trans*, inicialmente chamada Chrysallis) e nai da primeira nena transexual cuxo caso se fixo público en Galiza a comezos de xaneiro deste ano.
O ciclo de charlas FALEMOS DE… é unha actividade a través da que periodicamente se debaten en diferentes vilas da comarca sobre temas relevantes para avanzar na igualdade de xénero, polo que están abertas e dirixidas a toda a cidadanía (mulleres e homes). Lonxe do formato de conferencia convencional, o ciclo de charlas-café FALEMOS DE… busca a interacción das relatoras cos homes e mulleres do público nun ambiente agradábel e acolledor, onde ao mesmo tempo que se escoitan as intervencións se poida tamén tomar unha consumición.
Deste xeito, o Observatorio quere afondar no seu obxectivo de dar a coñecer as problemáticas que afectan de forma específica ás mulleres da comarca, enfocando a realidade da nosa contorna desde unha perspectiva de xénero que teña en conta as particularidades coas que mulleres e homes vivimos cada situación social.