O grupo municipal do PSdeG-PSOE de Foz, ante das noticias que aparecen nos medios de comunicación sobre a decisión da X.P. Tráfico, de que se traslada a realización das probas teóricas para permiso de conducir a Lugo, manifesta o seu “total e absoluto rexeitamento ante tal decisión”.
Esta medida “supón un claro prexuízo para o conxunto dos veciños da Mariña, por distanciar a administración dos cidadáns, algo moi propio das políticas do PP, que está practicando noutros temas como os sanitarios dende o Hospital, ou de Facenda, coa eliminación de servizos na comarca”.
“O Concello de Foz sempre colaborou coa X.P.Tráfico na realización das probas para permiso de conducir en beneficio co conxunto dos veciños da Mariña. É intolerable que de forma unilateral se tome esta decisión.
A Corporación Municipal ten que facer un fronte común contra estas decisións que prexudican gravemente ´@s veciñ@s de Foz e do conxunto da Mariña”.
“O Sr Alcalde e o equipo de goberno non pode seguir impasivos ante ese atropelo do goberno do PP de igual xeito que está a facer en temas sanitarios ou de facenda ou co abandono ó que nos teñen sometido coa situación na que se encontra a chamada estrada de Costa”, critica Francisco Ramalleira, portavoz do PSdeG-PSOE de Foz.
Por iso, o grupo municipal do PSdeG-PSOE lle pide ó alcalde a convocatoria dun PLENO EXTRAORDINARIO para “poder debater este asunto e tomar medidas contundentes de forza para rexeitar esta decisión da X.P. Tráfico”.
Ademais, o portavoz local engade que “se o sr. alcalde non accede ó solicitado, o PSdeG-PSOE solicitará o apoio dos outros grupos da oposición para forzar ao rexedor a facer a mencionada convocatoria dun Pleno extraordinario”.
Francisco Ramalleira Fraga.