Bruxelas, 16 Xullo 2015. Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe) súmase á mobilización convocada polo sector leiteiro para este venres en Compostela na demanda de prezos que cubran custos de produción e remuneren o traballo, garantía de recollida e mediación pública.
A eurodeputada de AGEe, Lídia Senra, reitera que, nestes momentos, estamos a enfrontarnos a unha crise “especificamente provocada polo fin do control público da produción decidido dende a UE e que deixa en mans das grandes industrias o sector leiteiro”.
Dende AGEe subliñamos unha vez máis que se realmente se quere solucionar a crise na que se atopa o sector leiteiro galego e europeo “temos que voltar a unha política leiteira pública que teña como base a regulación da produción e do mercado, prezos mínimos que cubran o traballo e os custos de produción, que priorice o mercado interno e asentada nun modelo de produción en base á terra e aos pastos”.
“É imprescindíbel que as institucións públicas asuman a súa responsabilidade e poñan en marcha políticas que garantan contratos xustos, que dean estabilidade ao sector asegurando prezos dignos e que remate ca chantaxe das industrias sobre as produtoras e produtores”, reivindica Senra, que estará mañá participando na manifestación. “A loita do sector leiteiro é tamén a loita por un medio rural vivo na Galiza, e aí temos que estar toda a sociedade galega”, concluiu.