A Consellería de Cultura e Educación achega o programa “Danza 3” ás rúas de Burela da man do grupo XACARANDAINA.
A Delegación de Cultura de Burela, participa nesta nova edición deste ciclo, que contribúe a dignificar o baile e a música tradicionais a través de espectáculos únicos e adaptados a cada ocasión e espazo.
“Danza 3” chega a Burela da man do grupo Xacarandaina da Coruña, asemade, outros dous grupos ,Cantigas e Agarimos de Santiago e O Fiadeiro de Vigo, conforman o ciclo que desprega ante os cidadáns a extraordinária riqueza das nosas danzas, así como das músicas que as acompañan e do vestiário co que se escenifican. Este é o espírito co que se pon en marcha a actuación , que baixo o lema “Folclore na rua”, busca transmitir ao público a esencia da nosa tradición a través de espectáculos tan coidados no artístico como respectuosos coas raíces.
Xacarandaina exhibirá nun pasarúas ,o vindeiro sábado,18 de xullo, a partir das 19.30 horas ( dende a praia urbana e ata a Praza da Mariña, onde contaremos cunha actuación final entorno ás 20.30 horas), nunha mostra do seu amplo repertorio nunha proposta artística preparada especialmente para Burela e a través da que se buscará implicar ao público asistente.
Xacarandaina e unha formación que traballa, desde a súa fundación, coa música e o baile tradicionais como materias primas a partir das que constrúen experiencias visuais e sonoras para o público actual, contribuindo deste xeito á divulgación dunha parte esencial da cultura de Galicia e do seu patrimonio inmaterial.