A Deputación de Lugo destina preto de 60.000 euros a potenciar a actividade formativa do Campus Universitario de Lugo. En concreto, as achegas da administración provincial diríxense, por un lado, a fomentar as titulacións de máster, e por outro lado, á realización de cursos de verán na provincia.
A presidenta da Deputación, Elena Candia, e o reitor da USC, Juan Viaño, xunto ao vicerreitor de coordinación do Campus Universitario de Lugo, Javier Bueno, asinaron esta mañá os dous convenios de colaboración, que poñen de manifesto o apoio firme e decisivo da administración provincial coa USC.
Durante a súa intervención, Elena Candia reafirmou o compromiso colaborador do goberno provincial coa USC co obxecto de “seguir a construír en Lugo un campus de calidade, capaz de ofrecer unha oferta educativa e de vangarda e no que se incremente a demanda do alumnado”. Neste senso e segundo engade a presidenta, “a promoción é esencial para poñer en coñecemento do alumnado a oferta da USC no Campus de Lugo”.
Convenios
Un dos convenios aprobados esta mañá diríxese ao fomento das titulacións de máster no Campus de Lugo, para cuxa finalidade a Deputación achega un importe de 30.000 euros. “A través desta contribución permitiremos promocionar estas titulacións e que se melloren os recursos humanos e materiais, ata o punto de que recibirán axuda dez titulacións de máster oficial que se imparten en Lugo”, matizou a presidenta.
En canto ao segundo dos convenios asinados, a través dun importe de 20.800 euros, a Deputación de Lugo promociona os cursos de verán da USC que se imparten na provincia de Lugo. Neste ano, incrementáronse nun 67% o número de propostas, pasando de 15 a 25, cun total de 438 alumnos.
Outras colaboración coa USC
A Deputación de Lugo tamén está a articular coa Universidade de Santiago de Compostela o desenvolvemento futuro das prácticas do alumnado da Facultade de Veterinaria na Granxa Gayoso Castro. Unha iniciativa que conta co máximo agrado das dúas institucións, de xeito que a actual unidade de leite da Granxa Gayoso Castro se reorientará a un centro tanto docente como investigador.
Neste senso, a presidenta da Deputación engadiu que esta proposta non só amplía a colaboración coa USC senón que “se trata tamén dunha iniciativa de apoio ao sector primario, xa que dende unha administración pública non se pode estar a facer competencia desleal aos gandeiros”.
Por último e nesta liña de afondar na colaboración entre a Deputación e a USC, Candia tamén lle propuxo aos responsables da institución educativa a posibilidade de que os alumnos da Facultade de Humanidades podan participar coas súas achegas na elaboración dos contidos a través dos que se promocionan os produtos turísticos da provincia e que se colgan nos perfís webs da Deputación. Deste xeito, apoiaríase ao alumnado e potenciaríase a Facultade de Humanidades. Esta suxestión da presidenta da Deputación foi moi ben acollida polo reitor.