Burela, 7 de agosto de 2015.- A ocupación hoteleira a primeira fin de semana de agosto en Burela rozou o 100%, segundo os datos que este venres deu a coñecer o concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández. Durante o mes de xullo a media situouse no 83%.
A valoración que realiza o edil socialista é moi positiva: “a primeira fin de semana está consolidada en Burela coa celebración da feira do bonito e coas citas musicais que tivemos este ano, de aí que a ocupación hoteleira estivese a rozar o 100%. Mentres en xullo a media estivo no 83%. Penso que os datos son moi positivos, pero dende esta delegación queremos ser ambiciosos e entendemos que temos que mellorar estas cifras si de verdade queremos que o turismo tire dunha maneira clara da economía de Burela”.
A oficina de turismo rexistrou no mes de xullo 2.300 consultas. “Por comunidades o 21% foron madrileños, o 19% galegos, o 16% asturianos e o 14% chegaron desde Castela-León. Este foron os lugares de procedencia da maioría dos turistas que estamos a recibir”, engadiu Ramiro Fernández.
O concelleiro de Turismo subliñou que “a recadación do barco museo Reina del Carmen aumentou con respecto ós datos que temos do ano 2014 en máis dun 75%, o que demostra que as medidas encamiñadas a ter o barco aberto todos os días están dando os seus froitos”. E tivo palabras de agradecemento para “a labor realizada polos traballadores asignados ó servizo. Hai que ter en conta que este servizo estaba subcontratado polo anterior equipo de goberno a unha empresa o que supoñía un maior custe do servizo, cando agora se fai con persoal do propio Concello debido a que tanto a Intervención como a Secretaría do Concello entendían que o servizo desta empresa estaba contratada dunha maneira irregular”.