Lugo, 09 de setembro de 2015.- A Deputación de Lugo estase a implicar de xeito moi marcado na inserción laboral de persoas con discapacidade e dentro deste colectivo con aquelas que sofren un maior estigma social como son as persoas con enfermidade mental. Así o reflicten os dous convenios de colaboración asinados con FEAFES (Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia).
No marco destes acordos, nove persoas con enfermidade mental están a realizar prácticas en entes dependentes da Deputación de Lugo, como son SUPLUSA e o Museo Provincial. A deputada de Benestar da Deputación, Mari Teijeiro, acompañada da responsable de FEAFES-Galicia en Lugo, Nuria Fernández, visitou esta mañá aos alumnos para coñecer de primeira man os traballos que están a desenvolver.
Teijeiro resaltou a importancia desta colaboración cunha actividade que ten por obxecto favorecer o acceso da cidadanía ao mercado laboral en igualdade de condicións, coa finalidade de garantir a inclusión social dos colectivos máis desfavorecidos como é o das persoas con enfermidade mental.
Convenios de colaboración
En concreto, a deputada de Benestar lembra que, por unha banda, a presidenta da Deputación firmou un convenio con FEAFES para financiar gastos da actividade denominada ‘Proxecto de acercamento ao mundo laboral para persoas con enfermidade mental’. A maiores e dentro deste convenio, son dous os alumnos que están a facer prácticas no Museo Provincial.
Por outra banda e nesta mesma liña de traballo, a Deputación de Lugo tamén aprobou un acordo de colaboración para a realización de prácticas de persoas deste colectivo na Sociedade Urbanística Provincial de Lugo S.A. (Suplusa). Outros sete alumnos comezaron o luns a desenvolver traballos vinculados coa xardinería, os cales forman parte do colectivo que atende a Asociación Lucense de Enfermos Mentais (ALUME). Polo tanto, en total son nove as persoas beneficiarias dos dous convenios.
Implicación co benestar
Por último, Teijeiro recordou que, dende o primeiro momento, a prioridade do novo goberno é o benestar. Así quedou reflectido nos acordos adoptados nestes dous meses mediante a implicación cos maiores e coas persoas dependentes a través dun maior financiamento para servizos básicos como son a axuda no fogar e a teleasistencia domiciliaria. Asemade, a deputada insistiu en manter o compromiso do novo goberno cos colectivos sociais, e que tivo como primeiro paso o interese desta institución por coñecer as necesidades do terceiro sector na provincia e estudar as diferentes vías de apoio ás entidades.