Santiago, 16 de setembro de 2015.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este mércores unha nova convocatoria para 2015 de axudas de carácter socioeconómico da prima non renovable vinculada á paralización definitiva da frota. A ela a Consellería do Medio Rural e do Mar destina 1,2 millóns de euros, cofinanciados polo Fondo Europeo da Pesca nun 75%.
Esta medida súmase á convocatoria de axudas de carácter socioeconómico publicada no DOG o 21 de xaneiro deste ano. Realízase para tentar acoller ao maior número de tripulantes afectados pola paralización definitiva do buque e aproveitar ao máximo o fondo comunitario destinado a tal fin. Isto, tendo en conta que este é o último ano de convocatoria de axudas socioeconómicas do FEP e considerando o número de tripulantes enrolados en buques pesqueiros afectados polo axuste estrutural da frota pesqueira.
Poden optar a estas axudas os tripulantes de buques pesqueiros que paralizasen a súa actividade definitivamente como consecuencia dun plan de axuste do esforzo pesqueiro, que non se tivesen presentado en prazo á Orde publicada en xaneiro e que cumpran cos requisitos esixidos para este tipo de axuda. Poderán consultalos na orde publicada en xaneiro.
Solicitudes
Ademais os interesados en solicitar estas achegas poderán consultar documentación necesaria no DOG de hoxe. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado dende mañá. As solicitudes poderán presentarse por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na Sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo: https://sede.xunta.es ou tamén de xeito presencial en papel.