Burela, 3 de setembro de 2015.- O alcalde, Alfredo Llano, anunciou que o equipo de goberno traballa na elaboración dun plan de emprego para Burela. En estudio está que os orzamentos de 2016 conten cunha partida destinada a este fin.
O rexedor contou este xoves que “como novidade este ano vamos facer unha proxección ou previsión do que serán os orzamentos do Concello para o vindeiro ano 2016, asunto que vamos levar ao pleno da Corporación xa neste mes de setembro”.
Alfredo Llano indicou que “o que queremos nosoutros é favorecer as políticas sociais, o emprego e outros asuntos que xa temos pensado, pero basicamente unha das cuestións na que xa traballamos en varias reunións cos técnicos é poñer unha cantidade nos orzamentos do ano que vén para a posta en marcha dun plan de emprego directo dende o Concello de Burela. Queremos facilitar traballo para a xente nova e para a que leva moito tempo no paro. Este proxecto está condicionado por moitos factores, un deles é propia lei de réxime local e outro vai ser a cantidade de diñeiro que teñamos dispoñible para esta iniciativa. Pero a nosa intención é clara sobre este tema”.
O alcalde burelés engadiu: “xa falaremos un pouco máis adiante tamén dos convenios que poidamos implantar de acordo co empresariado de Burela, a través da Acia e das pequenas e medianas empresas dos distintos sectores para favorecer tamén o emprego a través dun convenio que poidamos levar a cabo entre o Concello e o mundo empresarial. Todo isto pensando sempre na inserción laboral e en favorecer o traballo o máximo posible no concello de Burela”.