Ribadeo, 17 de setembro de 2015. O alcalde, Fernando Suárez, detallou este xoves os asuntos que se abordarán nas comisións informativas do vindeiro luns, 21 de setembro, previas ao próximo pleno ordinario da Corporación Municipal. Nas mesmas veranse un deslinde na parroquia de Ove, a fixación dos festivos locais para 2016, unha petición a Fomento para que ilumine a Ponte dos Santos e un recoñecemento extraxudicial de crédito.
O rexedor explicou que “nestas comisións tratamos varios asuntos esta vez. Un deles é un expediente para un deslinde dun antigo camiño público, na parroquia de Ove, concretamente no Chao de Ove. Hai unha solicitude dun peche por parte dun particular e o Concello sabe da existencia dun antigo camiño, pero non ten claro cal é o trazado actual, non é doado definilo, polo que acudimos a esta fórmula que existe na lexislación, que é acudir a un acto de deslinde. Para iso vaise dar audiencia aos veciños, pero ten que iniciarse o trámite coa aprobación plenaria”.
Suárez Barcia contou que “outro dos puntos que vai ir é a fixación dos festivos locais para 2016. Como outros anos, a proposta é o 16 de agosto, día de San Roque, e 8 de setembro, o día da Patroa. E queremos tamén que o pleno se pronuncie sobre a conveniencia de que o Ministerio de Fomento asuma o alumeado público na Ponte dos Santos”.
O alcalde engadiu que “outro dos puntos é un expediente de recoñecemento extraxudicial de crédito. Son referidos a facturas que, por un motivo ou por outro, non entraron no rexistro do Concello no exercicio no que teñen que entrar, fano no ano seguinte, por poñer por caso. Polo tanto agora é necesario que o pleno, sen ter a culpa o Concello diso, asuma estas facturas con cargo a remanentes de tesourería. Dado que afortunadamente existen, podemos darlle cobertura xurídica e legal a estas facturas que entran no Rexistro en tempo posterior. Ascenden a uns 80.000 euros e son de todo tipo, basicamente de subministro eléctrico, de Sogama, do Consorcio de Igualdade e Benestar, así como facturas menores de provedores”.