Lugo, 18 de setembro de 2015.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, participou este venres en Lugo no acto final da iniciativa de dinamización comercial As compras na túa vila teñen premio, unha campaña posta en marcha pola Federación Galega de Comercio e a Federación de Comercio de Lugo en colaboración coa Consellería de Economía e Industria que ten por obxectivo poñer en valor o comercio de proximidade e impulsar as vendas premiando a confianza dos clientes.
Así, na tarde deste venres sorteáronse premios por un total de 4.000 euros, repartidos en cinco tarxetas agasallo de 300 euros e 25 de 100 euros para mercar no comercio local, dentro do programa dunha festa de peche que contou con diferentes actividades lúdicas.
A campaña As compras na túa vila teñen premio, que en Lugo botou a andar o pasado 7 de setembro, chega este ano á súa oitava edición, desenvolvéndose en 4 cidades galegas. A iniciativa desenvólvese no marco do acordo de colaboración entre a Xunta e a Federación Galega de Comercio para a posta en marcha de iniciativas conxuntas para impulsar a competitividade do sector.
Este acordo dotado con 600.000 euros, un 20% máis que o ano pasado, permite entre outras actuacións o mantemento dun servizo de asesoramento ao sector comercial e de fomento do emprendemento, e contémplanse tamén diferentes actuacións para a implantación das novas tecnoloxías relacionadas coa fidelización de clientes e a potenciación do comercio electrónico, así como a realización de encontros e xornadas.