Cervo, 2 de setembro de 2015. O Concello de Cervo clausurou o programa Enredos de Verán 2015, no que participaron 97 nenos e nenas alumnos de Infantil e Primaria, que realizaron diversas actividades durante as mañás.
A concelleira de Educación e Xuventude, Dolores García Caramés, explicou que “fixeron actividades como pintura nun muro, xogos populares e na praia, descubriron a fauna e flora dun areal, recibiron a visita dun pirata que traía un tesouro, que tiveron que descubrir, visitaron o faro, fixeron experimentos, scrapbooking, karaoke e na festa final bailaron e xogaron”.
Dolores García fixo hoxe unha valoración desta iniciativa: “é un programa moi positivo para os nenos e nenas, que en época de vacacións volven xuntarse cos seus amigos ou fan outros novos e pasan as mañás divertíndose xuntos. Este ano houbo moitas actividades no exterior, xa que no mes de xullo tivemos bo tempo e polo tanto os participantes puideron gozar dos actos ao aire libre”.