Lugo, 24 de setembro de 2015.- 1.- Por 2ª vez o Goberno de Candia perde fondos europeos para o emprego na provincia e xa vai máis de 1 millón de euros. Nunca o Goberno de Besteiro tivo que devolver un só euro dos 37 millóns de fondos comunitarios que foi capaz de acadar para Lugo. Que a Deputación luguesa teña que devolver cartos á Unión Europea é un caso inédito, que só se produce dende que Candia a preside.
O 17 de agosto, o PSOE desvelou que o Goberno de Candia viña de perder 90.000 euros de fondos europeos porque foi incapaz de celebrar 9 accións formativas con prácticas remuneradas e dirixidas a un total de 135 desempregados lucenses, aínda que xa se deixaron programadas. Dende entón, a dinámica do Executivo provincial do PP foi a mesma. É dicir, seguiron sen celebrar nin só novo curso do Pacto Provincial polo Emprego e, polo tanto, sen executar nin un só euro deste programa europea. Isto supuxo unha 2ª perda de fondos europeos por parte do Goberno de Candia. Conscientes de que os socialistas ían descubrir estes graves feitos e co fin de tentar xustificar dalgún xeito a absoluta incapacidade dos populares, hoxe foi o propio Armesto o que desvelou que terán que devolver máis de 1 millón de euros á Unión Europea.
Nunca o Goberno de Besteiro tivo que devolver un só euro dos 37 millóns de fondos comunitarios que foi capaz de acadar o Pacto Provincial polo Emprego, Lug02 e Innova-TE, os tres programas europeos que puxo en marcha na provincia. Todo o contrario, a Unión Europea premiou reiteradamente a xestión do Goberno socialista, concedéndolles máis fondos para Lugo nos repartos de remanentes. Polo tanto, que a Deputación luguesa teña que devolver cartos á UE é un caso inédito, que só se produce dende que Candia a preside.
2.- O Goberno de Candia non executou nin un só euro do Pacto Provincial polo Emprego. O Goberno socialista foi capaz de acadar máis de 8 millóns de euros do Fondo Social Europeo para o Pacto Provincial polo Emprego I e Pacto Provincial polo Emprego II. Executando o 90% destes fondos, o Executivo de Besteiro primeiro levou a cabo un minucioso estudo sobre os verdadeiros nichos de emprego na provincia (benestar social, turismo, medioambiente…) e logo puxo en marcha máis de 200 accións formativas con prácticas remuneradas en empresas e colectivos, nas que participaron máis de 3.000 desempregados lucenses, acadando unha inserción laboral media superior ao 30%, que nalgúns casos foi do 50%. En contraposición, o Goberno de Candia nin puxo en marcha un só novo curso nin executou un só euro desta programación.
3.- Certificar non é o mesmo que executar. O Goberno de Candia tenta ocultar a súa absoluta incapacidade e desidia, manipulando os termos certificar e executar. O único que fixo o Executivo do PP foi certificar fondos, é dicir, facer efectivos pagos do Pacto Provincial polo Emprego pola celebración de accións formativas por parte do Goberno socialista. Non é posible que executase nin un só euro cando non puxo en marcha nin unha soa nova acción formativa, cando en tres meses non fixo absolutamente nada con esta programación máis alá de facer as obrigatorias xustificacións de fondos a través de publicacións nos medios de comunicación (requisito comunitario).
4.- A Unión Europea premiou en 3 ocasións a xestión de fondos europeo do Goberno de Besteiro, concedendo novos fondos, concretamente 3,3 millóns de euros máis para a provincia, cos repartos de remanentes. Pola contra, o Goberno de Candia só conseguiu perder 1,2 millóns de fondos europeos, tal e como eles mesmo o desvelaron. Estes son os 3 premios que acadou a xestión de fondos europeos por parte do Executivo socialista:
– co reparto de remanentes do Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER), no que se incluíron as primeiras partes do Innova-TE e Lug02, a Unión Europea concedeu á Deputación de Lugo 1,4 millóns de euros, sendo a entidade local de Galicia que recibía o maior presuposto.
– co reparto de remanentes das axudas do Fondo Social Europeo, no que se incluíu o primeiro Pacto Provincial polo Emprego que ofreceu formación e prácticas remuneradas a máis de 1.000 desempregados lucenses, a UE concedeu 600.000 euros á institución luguesa
– co reparto de remanentes das axudas do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) para a convocatoria de 2011, no que se incluíron as segundas edicións dos programas Innova-TE e Lug02.