Ribadeo, 24 de setembro de 2015.- O entorno da praza de abastos de Ribadeo acollerá este domingo, día 27 de setembro, a XIV edición da Feira da Horta, na que haberá venta de produtos, degustación, unha charla, un obradoiro de agricultura ecolóxica para nenos e nenas, música e outras actividades. Foi presentada este xoves e tanto as representantes da asociación de produtores de horta A Sucadoira como a concelleira de Desenvolvemento Local, Ana Martínez, comentaron que é necesaria a creación dunha empresa para transformar os excedentes que teñen os agricultores do colectivo.
Ana Martínez empezou explicando que “como cada ano, o derradeiro domingo do mes de setembro, como colofón a unha excelente tempada de horta, que se ve exaltada cada domingo de verán co mercado que se celebra ese día, en colaboración coa asociación de produtoras e produtores de horta A Sucadoira, presentamos esta feira da horta de Ribadeo que xa vai pola súa 14ª tempada. Vaia por diante a importancia deste sector e ademais quero resaltar que se de algo nos debemos sentir orgullosos e orgullosas é do noso rural, da potencialidade do agro, das súas posibilidades como produto de calidade, ben diferenciado desa produción en serie que podemos atopar nas grandes superficies. A aposta por este sector supón non só a valorización da calidade do consumo local, onde os produtos son sacados da terra para practicamente servilos na mesa, sen cámaras de conservación e sen transporte. Supón tamén unha inversión de futuro no noso rural, evitando o despoboamento e fixando asentamento como fonte de creación de emprego. Neste cometido debemos seguir traballando de maneira conxunta dun xeito que o esforzo destas mulleres e homes teña futuro, porque tamén será un futuro para todos nós”.
Ademais a edil anunciou que “para esta feira durante a xornada deste domingo, día 27, a partir das 9 da mañá iniciarase o mercado diante da praza de abastos e despois ao longo da mañá haberá diferentes actividades coa participación e actuación de Amigos da Gaita a partir das 11 e media da mañá e ao mesmo tempo diante dos postos do mercado vaise poder gozar dun xeito totalmente gratuíto dunha degustación de produtos da horta a cargo do restaurante La Solana. Ademais a partir das 12 vainos acompañar Antonio Oca, que é ben coñecido por todos nós entre outros motivos da súa época como axente de extensión agraria aquí, en Ribadeo, e vainos falar sobre a horta e o agro. Tamén, durante toda a mañá, vaise realizar un obradoiro de agricultura ecolóxica para nenas e nenos; os seus traballos e plantacións poderán levalos para a casa, coidalos e a ver que sae dese obradoiro que será a cargo de David, que é traballador do Concello, xunto con Vicente, que durante moitos anos foi o responsable do servizo de xardinaría municipal”.
Martínez convidou a asistir á XIV Feira da Horta: “só me queda convidar a que xente tanto da Mariña como do Occidente asturiano se achegue a Ribadeo para gozar dun domingo con todas e todos nós; e tamén mercar e degustar os sabores da horta tanto na propia feira como nos establecementos asociados a Acisa, que ofrecerán tamén unha degustación de tapas especialmente elaboradas para a ocasión cos produtos da horta de Ribadeo”.
A secretaria da asociación A Sucadoira, Elia Rodríguez, explicou: “vamos facer unha exposición de produtos para a xente vexa todo o que se produce en Ribadeo e o potencial que hai. Nós vendemos verduras a quilómetro cero, sen custe enerxético, porque estamos ao pé da praza e entón non hai ese custe que teñen os produtos que veñen de outros sitios máis afastados. Vendemos verdura fresca, recén recollida, que é algo que a xente valora porque senón no viría ao mercado; e vese que cada ano asiste máis xente a comprar, polo que estamos agradecidos e indica que a xente valora esa proximidade, ese produto fresco e esa lozanía que teñen as verduras e os produtos característicos de aquí, como o pemento, que agora está sendo o atractivo da praza porque dá unha cor espléndida, e a cebola. Eu animo á xente nova a que se dedique a isto para que o campo non quede abandonado, pois dá pena ver as aldeas caendo. E aí hai un potencial grande, porque nós producimos aquí un pouquiño pero para Galicia máis do 90 por cento do produto que se consume ven de fóra do noso país”.
E a presidenta de A Sucadoira, Ana Isabel Díaz, rematou convidando “a toda a xente a que veña degustar os produtos, ver o mercado e axudarnos a saír para adiante”. Tamén falou da necesidade de transformar o produto, “por exemplo os pementos ou os arándanos, cos que agora poderíamos facer marmelada, pero non temos onde facer esa transformación do produto. É moi importante que alguén montara unha empresa para transformar todo ese produto”. Sobre este asunto Elia Rodríguez explicou que “noutros países da Unión Europea, como Francia ou Inglaterra, as escolas de capacitación teñen unhas aulas onde os pequenos agricultores fan a transformación e o rexistro teno a escola”. E a concelleira de Desenvolvemento Local lembrou que o Concello “intentárao cun obradoiro de emprego, que desde o principio nos denegaron, no que unha das ideas era arrancar con esa aula de transformación e despois conseguir un rexistro que permitise que eles transformasen”.





















Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partirán de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



