Burela, 9 de setembro de 2015. A Concellería de Medio Ambiente ultima o programa de actividades que se desenvolverán do 16 ao 22 de setembro dentro da VIII Semana Europea de Mobilidade.
A edil Noelia Mª Ben explica que “nesta edición o lema é Elixe, cambia, combina a túa mobilidade. No Concello estamos a pechar o calendario de actos que teremos dentro duns días”.
A concelleira de Medio Ambiente sinala que “contaremos con circuíto de karts, que estará instalado no pavillón dos institutos durante toda a semana, haberá charlas impartidas pola Policía Local para o alumnado dos Ies, tamén faremos as rutas de Paseando ao colexio nos Ceips Vista Alegre e Virxe do Carme…”.
Noelia Mª Ben engade que “teremos mesas informativas, xogos deportivos ao aire libre, talleres de manualidades, actuacións, concertos e contaremos cunha portería inchable do FS Burela. A nosa intención é ter o programa listo para a súa presentación a comezos da vindeira semana”.
Ben Vázquez subliña que “o que pretendemos é concienciar a toda a poboación, sobre todo aos máis pequenos, das consecuencias negativas que ten o uso irracional do coche para o medio ambiente e para a saúde pública. E dos beneficios que teñen outros modos de transporte coma a bicicleta, as viaxes a pé ou mesmo o transporte público”.