Cervo, 18 de setembro de 2015. O Concello de Cervo solicitará á Deputación de Lugo a construción de beirarrúas na vía provincial que une o conxunto histórico artístico de Sargadelos coa fábrica de cerámica. Así o anunciou o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, que tamén lembrou que xa fixo esta reclamación hai máis de catro anos ao anterior goberno da Deputación, sen resultado.
“Dende o Concello de Cervo ímonos dirixir novamente á Deputación Provincial de Lugo, aos seus novos xestores, para que se constrúan unhas beirarrúas dende o conxunto histórico artístico de Sargadelos até onde está situada a actual fábrica de cerámica. É unha actuación que xa reivindicamos hai máis de catro anos e que sería necesaria para garantir a seguridade dos viandantes, dos veciños que viven na zona e tamén de todos aqueles turistas que se achegan ao conxunto histórico artístico de Sargadelos”, explicou o rexedor.
Alfonso Villares engadiu que “esta foi unha petición que fixemos hai máis de catro anos e que non foi contestada polos anteriores dirixentes da Deputación Provincial. Todo o contrario, o que fixeron foi, sen poñerse en contacto co Concello de Cervo, colocar unhas luces onde realmente terían que estar situadas as beirarrúas polas que poderían transitar as persoas que viven en Sargadelos ou que visitan o conxunto histórico artístico. Esa é a actuación que demandamos hai mais de 4 anos e que seguimos reivindicando agora mesmo aos actuais dirixentes Deputación Provincial: que se constrúan unhas beirarrúas e se coloque posteriormente a iluminación necesaria para circular por elas”.
“Na actualidade se se acenderan esas luminarias unicamente iluminarían por onde circulan os coches, pero dende logo nunca se garantiría a seguridade das persoas que transitan por esa estrada e por ese lugar. Polo tanto seguramente a actuación que haxa que facer, e que nós imos reivindicar, vai levar consigo que haxa que desfacer o que fixeron os anteriores xestores da Deputación, que haxa que recolocar unhas luces que puxeron sen avisar nin poñerse en contacto co Concello de Cervo”, advirte o alcalde.