A Mariña, 18 de setembro de 2015.- A deputada Rosana Pérez (BNG) explicou na súa visita á comarca da Mariña as emendas defendidas pola fronte nacionalista aos orzamentos do Estado para 2016, que buscaban incrementar nuns casos e crear noutros, dotacións económicas por importe de 10,4 millóns de euros o que suporía un aumento nas previsións de gasto na comarca para o 2016 do 39,3% en relación aos investimentos previstos polo Estado para o vindeiro ano. Todas as emendas presentadas polo BNG foron rexeitadas cos votos en contra do Partido Popular que “nega deste xeito a posibilidade real de desenvolvemento económico e en materia de infraestruturas da comarca da Mariña”.
A deputada estivo acompañada polo alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, o deputado provincial, Antonio Veiga e diferentes concelleiras e concelleiros do BNG da comarca. Desde a formación nacionalista aseguran que “coas previsións incluídas nos orzamentos elaborados polo PP non se van solucionar os problemas existentes na A8, nen se vai executar a autovía de conexión entre Barreiros e San Cibrao xa que deixan sen un só euro de investimento o tramo de Burela e San Cibrao, nen se afrontan as graves deficiencias da estrada N642 entre Barreiros e San Cibrao e esquécense de investimentos estratéxicos para a comarca como a apertura do dique norte de Morás ao tráfico comercial ou solucións nos accesos a Ribadeo en dirección Asturias da A8; así como outros investimentos que se veñen demandando historicamente desde a comarca.
Rosana Pérez considera insuficientes uns orzamentos que non atenden as demandas históricas da comarca nen solucionan os problemas existentes
A Deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez presentou publicamente as emendas do grupo nacionalista aos orzamentos do Estado, nas que reclaman investimentos por importe de 10,4 millóns de euros fronte aos 3,4millóns que contempla o goberno estatal.
A Deputada calificou como “completamente insuficiente” esta consignación, xa que non atende as demandas históricas das veciñas e veciños nen solucionarían problemas tan importantes como o lamentable estado das estradas N634, N640 e N642, que precisan unha reparación integral e non parches por estar cheas de fochancas e oportando un importante volume de tráfico.
“Nen sequera aportan a solución definitiva para a A8, aínda que a Ministra vaia soltando pílulas cada vez que vai de visita a algún sitio e onte mesmo anunciara que se solicitaba a Europa 2 millóns de euros para esta cuestión. Casualmente a mesma cantidade (2millóns de euros) que o BNG reclama nas súas emendas fronte aos ridículos 200.000€ que consigna o Partido Popular”, asegurou Rosana Pérez.
Outra das infraestructuras que o BNG considera moi urxente para a Mariña é a autoestrada de conexión entre Barreiros e San Cibrao, que acumula oito anos de retrasos e que coa consignación que se presenta non cubre a totalidade da mesma. O BNG reclama para esta vía cando menos 3 millóns de euros e situala como prioritaria para non deixar case na incomunicación unha parte moi importante da comarca, onde existe unha notable actividade económica.”
A deputada puxo de manifesto que sendo a Mariña “unha das comarcas máis dinámicas economicamente neste País, chama a atención o abandono por parte das Administracións, que non están a altura das demandas sociais e económicas da poboación mariña e do seu sector empresarial, sendo esta unha das causas polas que a economía comarcal se ve resentida a consecuencia do esquecemento dos gobernos do PP tanto na Xunta como en Madrid.”
“Constatase o total e completo abandono da comarca en materia de infraestructuras” Antonio Veiga
Antonio Veiga insistiu en que “a pesar da puxanza económica da Mariña e a súa vitalidade, en materia de infraestructuras a comarca segue abandonada e as vías de comunicación rematadas acumulan importantes retrasos na súa execución, ou non se comezaron, caso da A-82 ou o corredor da costa dependente da Xunta, que na comarca non ten nin un só quilómetro en funcionamento. Lamentou Antonio Veiga que “seguimos circulando polas mesmas estradas que tíñamos fai 30 anos, estando en moito peor estado e supondo un grave perigo para quen circula por elas: condutoras e condutores ou peóns”.
Anunciou que, “desde o BNG, como levamos anos facendo, seguiremos reclamando as necesarias inversións para A Mariña tanto nas institucións, como neste caso as compañeiras no Congreso; como con mobilización e respaldo social; xa que é un clamor das veciñas e veciños da comarca.”
Fernando Suárez reclama para Ribadeo unha nova conexión por estrada para o porto
O alcalde nacionalista de Ribadeo afondou na necesidade inversora que debe facer o Ministerio para fomentar o emprego e o dinamismo económico, reiterando as demandas que leva anos pedindo o BNG a respecto da necesidade dun acceso dende a autoestrada A-8 á vila en dirección de Galiza- Asturias, ao igual que a necesidade dunha rotonda de acceso ao porto comercial de Ribadeo que “mellore os fluxos dos vehículos que transportan mercadorías (principalmente madeira) cara o porto, e que teñen que andar a dar voltas pola vila cando esto é completamente innecesario”; sendo ademais esta unha infraestrutura que incluso chegou a estar consignada en anos anteriores e que foi despois retirada.
Fernando Suárez tamén reclamou un impulso para a vía verde do antigo ferrocarril á Pontenova, sobre a que afirmou que “sería unha das mellores vías verdes e máis fermosas de todo o estado, e impulsaría o turismo e o sector servizos non só de Ribadeo senón tamén, de Trabada, A Pontenova e do veciño San Tirso de Abres xa en Asturias”. Neste mesmo ámbito de fomento económico vinculado ao turismo, avogou tamén pola recuperación da ruta das cetáreas entre A Devesa e Rinlo que “axudarían a fomentar un turismo desestacionalizado e de calidade.”