Foz, 14 de outubro de 2015. Cine, teatro e charlas son algunhas das propostas da Concellería de Cultura, que dirixe Silvia Blach, para as vindeiras semanas.
Cinema no cenima
Este xoves 15 de outubro, ás 20.30 horas volve o Cinema no Cenima coa proxección da película Guillaume e os rapaces, á mesa, unha comedia francesa de Guillaume Gallienne. O prezo das entradas é de 3 euros e a taquilla abrirá ás 20.00 horas.
Os máis pequenos da casa tamén gozarán de Cinema no Cenima o 25 de outubro ás 18.30 horas. Ese día poderán ver O pequeno mago, un filme de animación para o público familiar. Sipnose: uns perigosos piratas normandos atracan na pequena cidade galega de Tui, dispostos a saqueala. Bieito Dubidoso, un neno de tan só 9 anos, pero armado dunha maxia sorprendente, logra que os malvados guerreiros fuxan espavorecidos…
O prezo da entrada será de 3 euros.
A Maruxaina e outras sereas
Por outra banda, este venres, 16 de outubro, ás 10.30 horas no IES de Foz inícianse as actividades enmarcadas dentro do programa da exposición que se está a exhibir no Cenima durante o mes de outubro ‘A Maruxaina e outras sereas’. O venres haberá un relatorio sobre a “Relación entre saúde e elementos utilizados na fabricación de recipientes de cerámica”, a cargo de Otero Regal. O 23 de outubro ás 20.00 horas no propio Cenima proxectarase o audiovisual Auga, terra e lume, de Otero Regal. Unha proxección da que gozarán os escolares durante toda a mañá. E os días 30 e 31 de outubro ás 20.00 horas no Cenima haberá outro relatorio e proxección sobre Sereas e faros, a cargo de Pablo Mosquera (médico e escritor) e Paco Rivas (poeta).
Teatro para adultos
O 29 de outubro ás 21.00 horas a Casa da Cultura acollerá a representación da obra de Cándido Pazó As do peixe, que protagonizan Susana Dans, Mónica Caamaño, Casilda Alfaro e Rocío González. O prezo da entrada será de 3 euros.