Mondoñedo, 29 de outubro de 2015.- O Concello de Mondoñedo, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil dependente da Concellería de Educación, Mocidade e Novas Tecnoloxías, organiza para este sábado 31 unha festa de Samaín para os máis pequenos da casa.
O edil de Xuventude, Alberto García, invita a todos os nenos e nenas a participar desta festa, en cuxo programa atoparán talleres que fomentan a creatividade dos máis pequenos a través da pintura, do debuxo ou do modelado.
Esta actividade, que mestura ocio e música con talleres, desenvolverase na Casa da Xuventude a partir das 17:00 horas e na súa organización colabora tamén a Asociación Xuvenil Xoldra.
A maiores, Alberto García engade que “sempre que o tempo acompañe, os nenos pasearán polas rúas da cidade cos seus disfraces, ofrecendo truco ou trato a todo aquel que saia ao seu encontro”.
Por último, o edil conclúe ao asegurar que na festa do Samaín de Mondoñedo mesturarase a maquillaxe, a música, os obradoiros e a ambientación e os nenos poderán tamén levar cabazas para decorar.