Burela, 22 de outubro de 2015.- O alcalde, Alfredo Llano, anunciou que o Consorcio da Auga de Cervo e Burela vai desaparecer para dar paso a outra figura xurídica, que está en estudio. Esta modificación obedece aos cambios nas normativas vixentes que realiza a Xunta de Galicia.
O rexedor referiuse “a unha cuestión que me parece importante, xa que a través de regulamentacións e das novas lei que están saíndo os consorcios tenden a desaparecer, xa non poden existir como tales. E este consorcio que estaba creado explicitamente para levar os temas da auga de Cervo e Burela vamos ter que substituílo por outra entidade xurídica, para o que hai varias solucións pero a que máis nos pode interesar é a dunha mancomunidade conformada polos Concellos de Cervo e de Burela. Vamos procurar facelo desta maneira, para o que hai que facer uns estatutos e imos poñernos a traballar niso. Vamos buscar a mellor maneira de colaboración, de participación e de actuación para que os veciños tanto de Cervo como de Burela sigan tendo unha auga de boa calidade e con bo caudal”.
Llano dixo que este asunto lle causou sorpresa “en principio porque non contaba con que houbese que realizar este cambio, debido a que a Xunta de Galicia agora parece ser que quere eliminar os consorcios”. E engadiu que “vamos ter outra sesión ordinaria para o mes de decembro e calculamos que para esa data xa poderemos decidir que tipo de cuestión xurídica vamos establecer, como a mancomunidade ou outras que poidan xurdir, pero esta foi a que máis nos convenceu en principio, despois das explicacións que nos deron os técnicos”.
Lodos
Na xuntanza do Consorcio da Auga de Cervo e de Burela tamén falaron dos lodos acumulados no encoro de Rúa. O alcalde burelés declarou que “a miña proposta é, como sempre, buscar unha solución para o encoro de Rúa para melloralo tanto no aspecto funcional como de calidade da auga e de capacidade. Hai que ter en conta que agora mesmo hai máis de 20.000 metros cúbicos de lodos, polo que eu penso que sería bo sacalos dado que así o estado da auga sería moito mellor, habería moitos menos problemas de contaminación e moita máis capacidade de almacenamento. Pero, tal e como estivemos vendo, o tratamento dos lodos que hai que facer, pois hai que sacalos de alí e levalos a unha xestora, penso que vai ser un dragado moi caro. Teremos que mirar fórmulas, a través da Xunta, de programas europeos o xa veremos como, para poder levar adiante esta cuestión, porque é moi importante cara ao abastecemento, ao medioambiente e á calidade da auga. Pero de momento, evidentemente, tal e como se explicou, ao ter que levar os lodos para sexan tratados sae moi caro. Por tanto, de momento, vamos estudar outras posibilidades que nos resulten mellor aos dous Concellos”.
Alfredo Llano tamén contou que “hai outra cuestión, que é a referida á calidade da auga, que preocupa. Pero eu penso que de momento a calidade da auga do abastecemento para Cervo e Burela é moi boa. Hai algún problema dalgún mineral e dalgún metal que puidera estar en disolución, precipitado e mesturado coa auga, pero está todo perfectamente controlado. Polo tanto pensamos que as calidades da auga, tanto para un concello como para o outro, son agora mesmo óptimas”.
Contador
O rexedor dixo que “tamén estivemos mirando outra posibilidade que lles propuxen, que é poñer un contador na entrada aos depósitos de auga de Burela, para ter un ademais do que hai na saída da estación de tratamento de auga potable (ETAP) da Senra. Serviría para detectar se hai algunha fuga e tamén compararíamos que a auga é a mesma a que sae que a que entra e é unha maneira fácil de comprobar que non existan perdas por algunha razón que ao mellor non son tan doadas de ver. Parece ser que se vai estudar canto pode supoñer a colocación dun novo contador aquí, porque tamén hai que ter en conta que hai detectores de avarías. Vamos buscar unha solución, pero en principio quedouse de estudar a posibilidade de poñer un novo contador á chegada da auga a Burela”.