Os Voluntarios de Alcoa San Cibrao volven de novo ao Centro Asistencial San Pablo e San Lázaro de Mondoñedo este venres 16 de outubro onde teñen previsto crear un xardín de plantas aromáticas xunto cos internos da institución, que recibirá ademais 3.000 dólares da Fundación Alcoa como respaldo a esta iniciativa solidaria dos traballadores de Alcoa San Cibrao.
A actividade, que se desenvolve no marco do Mes do Voluntariado de Alcoa, ten como obxectivo compartir coas persoas con discapacidade intelectual acolleitas no centro actividades de lecer e a construción e adorno do xardín. Os voluntarios recollerán tamén cantos rodados, logo pintarán os residentes co nome de cada unha das plantas e as súas características. Tanto as actividades da construción do como a atención e coidados que requirirá o mantemento do mesmo por parte dos internos, son actividades consideradas de gran valor terapéutico.
Os voluntarios de Alcoa, que organizaron a actividade para que as persoas afectadas poidan participar, veñen colaborando co Centro Asistencial San Pablo e San Lázaro desde fai anos con actividades como unha excursión á reserva de animais Marcelle Natureza en Outeiro de Rei, unha ruta a cabalo, un taller de horticultura e xornadas de xogos cos internos.
O Centro Asistencial San Pablo e San Lázaro de Mondoñedo non ten ánimo de lucro e está xestionado pola Compañía de Fillas da Caridade de San Vicente de Paúl. Ofrece atención integral a persoas con discapacidade intelectual de distintos grados que pola súa condición persoal requiren de apoios extensos ou xeneralizados na maioría das áreas da vida diaria para levar a cabo unha vida o máis normalizada e autónoma posible en cada caso, fomentando unha mellora continua na súa calidade de vida. Na actualidade, acolle a 54 persoas.