Foz, 1 de novembro de 2015.- No pleno do próximo martes 3 de novembro, o BNG de Foz presentará tres mocións: unha referida á ILP por unha tarifa eléctrica galega, impulsada pola CIG, unha solicitando a creación dunha taxa para caixeiros e a seguinte, relacionada co IBI.
O BNG de Foz, a través do seu grupo municipal: Lorena Seivane García e María Teresa Rego Cabanas, presenta ante a Corporación Municipal de Foz, ao abeiro da lexislación vixente.
MOCIÓN PARA O AXUSTE DA REVISIÓN CATASTRAL
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Estamos a padecer un procedemento de regularización aberto de oficio polo Ministerio de Facenda ao abeiro da Lei 16/2012, de 27 de decembro, Lei que moitos calificaron de inxusta, xa que non deberían ser obxecto de prezo público aquelas actividades que non afectan á utilización do dominio público, que tampouco están orixinadas por un servizo nin por unha actividade que beneficie de modo particular aos requiridos e que, nin moito menos, se produce por solicitude de contribuíntes.
Por outro lado, co consentimento do equipo de goberno, en Foz, tamén padeceremos a revisión catastral, que suporá un incremento medio nos valores catastrais de preto do 500 por cento, xa que axustará a valores de mercado actual bens inmóbeis que levan sen actualizarse dende o ano 1981.
Por estes motivos o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal do Concello de Foz a adopción dos seguintes acordos:
1.- O Pleno do Concello de Foz insta ao Ministerio de Facenda a revisar a taxa de regularización catastral, de maneira que se establezan bonificacións e deduccións no seu importe:
a) Cando afecten a alteracións de entidade menor nos inmóbeis.
b) Cando o mesmo suxeito pasivo sexa obxecto de diversos expedientes de regularización catastral, de forma que ingrese dunha soa vez a taxa por todos os procesos.
2.- O Concello colaborará cos veciños e veciñas afectadas por esta regulación de oficio promovida polo Catastro, facilitándolles información e asesoramento para presentar as alegacións que consideren necesarias neste proceso.
3.- O Pleno do Concello insta ao Goberno Local a presentar unha proposta de modificación da ordenanza reguladora do IBI, para que teña vixencia en 2016, onde se revise o tipo de gravame municipal que se aplica no Imposto de Bens inmóbeis (IBI), tanto:
a) Con carácter xeral, rebaixándoo dos tipos aplicados entre os anos 2012 a 2015 pola aplicación da normativa básica estatal que impuxo o Goberno central.
b) Como de forma específica introducindo bonificacións dirixidas a persoas e familias con ingresos e rendas baixas, para adaptalo as posibilidades e necesidades que teñen os veciños e veciñas deste concello.
4.- Que o Concello aplique o gravame mínimo posible para paliar a suba desproporcionada que supón a revisión catastral.