O colectivo viveirés PENSAMENTO E SEMENTEIRA programou a proxección de tres películas dentro dun ciclo de cine de humor que se desenvolverá en Viveiro os mércores 11, 18 e 25 deste mes de novembro.
“Quai D´Orsay” (“Crónicas diplomáticas”) de B. Tavernier, “Mon oncle” (“O meu tío”) de J. Tati e “Modern times” (“Tempos modernos”) de Chaplin, serán os tres filmes que se poderán ver en Viveiro en versión orixinal, formato blu ray e en pantalla grande. As sesións, con entrada libre até completar o aforo, serán como noutras ocasións no salón de actos do IES María Sarmiento de Viveiro e darán comezo ás 20.00 horas.
Esta actividade conta coa colaboración da Federación Galega de Cineclubes, da que fai parte o colectivo viveirés e tamén do Concello de Viveiro.
O colectivo iniciará o domingo 8 as actividades de Outono cunha “Camiñada polos acantilados de Loiba” e tamén ten programada para a segunda quincena de novembro un acto informativo sobre a situación no Sahara no que participarán saharauis e membros da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (SOGAPS).