Foz, 21 de decembro de 2015.- O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, reuniuse este luns en Santiago co conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, que se comprometeu a que a Xunta de Galicia apoiará o proxecto de reorganización da rúa Álvaro Cunqueiro e da Avenida da Mariña.
O rexedor municipal focense explicou que “despois dunha hora de reunión co conselleiro de Economía e Industria, con competencias en Comercio, Francisco Conde, a valoración é moi boa pola miña parte posto que hai un compromiso por parte da Xunta de Galicia de apoiar este proxecto de reorganización da zona comercial de Foz, concretamente a avenida da Mariña e a rúa Álvaro Cunqueiro. E enténdese que as tres administracións que estamos involucradas e somos competentes, que son a Deputación, o Concello e a Xunta, debemos entrar en igualdade de condicións. Dende o Concello cremos que o conselleiro de Industria vai ser un dos nexos de unión deste proxecto. Polo tanto a reunión foi moi satisfactoria e agora esperamos ao seguinte compromiso, por parte do presidente da Deputación de Lugo, posto que cremos que debe ser inminente que se chegue a ese acordo a tres bandas: Xunta, Deputación e Concello de Foz. Polo tanto estou moi satisfeito no día de hoxe, posto que o compromiso da Xunta de Galicia, por parte do conselleiro de Industria, para apoiar este proxecto é importante”.
Ademais Javier Castiñeira recordou que “o pleno da corporación municipal aprobou por unanimidade que a Deputación, o Concello e a Xunta participen co mesmo esforzo no financiamento da reorganización das rúas Álvaro Cunqueiro e Avenida da Mariña. É unha obra sumamente necesaria para o concello de Foz e que está totalmente apoiada pola asociación de comerciantes, industriais e autónomos de Foz”.
O alcalde tamén comentou que “está moi avanzando o proxecto que financiou a Deputación de Lugo, grazas as xestións da ex presidenta, Elena Candia, e nos próximos días irá ao pleno da Deputación este proxecto para que sexa aprobado por todos os grupos e que a Deputación cofinancie esa parte que lle corresponde, dun terzo da totalidade do orzamento; estamos a falar duns 700.000 euros por parte de cada administración. Con iso pretendemos que nos vindeiros anos isto sexa unha realidade. Hoxe en día o Concello de Foz está en disposición de poder pedir un crédito para financiar a parte que lle corresponde desta obra, pero teñen que ser as tres administracións. A Deputación na rúa Álvaro Cunqueiro, porque é unha vía que pertence ao organismo provincial; o Concello fará o mesmo para equilibrar o investimento; e a Xunta de Galicia debe apostar polo comercio de Foz. Sabemos que hai fondos para promocionar o comercio, Foz meréceo e hai un compromiso de toda a corporación por unanimidade para facelo así”.
“Estamos pendentes de que nos reciba o presidente da Deputación, que xa nos confirmaron que así o fará en próximos días, e toda a corporación de Foz non vai cesar ata que este proxecto non sexa unha realidade”, rematou Castiñeira.