Burela, 27 de xaneiro de 2016.- Despois da experiencia do pasado verán, na que como de costume nos últimos anos o servizo de socorrismo comezou entrada xa a época estival e con deficiencias graves no principio, o grupo municipal do BNG eleva ó pleno deste Xoves unha moción para a correcta xestión das praias de Burela.
Solicítase entre outras cousas, que se convoque por parte do concello o Comité para a xestión das praias, comezar cos trámites necesarios para que a contratación dos socorristas faga posible que comece o servizo cando realmente comezan a empregarse as praias e para que esta contratación non signifique outro recorte mais do PP na Xunta, así como levar a cabo un inventariado en termos de material e instalacións que derive na sustitución e os arranxos que sexan necesarios para que os profesionais traballen en condicións óptimas. “O único xeito que temos dende o concello de loitar contra os recortes do PP ó cargo da Xunta de Galiza é traballar, debemos pelexar para que a subvención cubra para contratar 10 profesionais que estén contratados os tres meses que dura a época de baños na vila” sinalou Mario Pillado, voceiro do BNG.
Sorpresa polo feito de non convocar o comité para a xestión das praias
No seo do grupo nacionalista non saen do seu asombro polo feito de que o equipo de goberno non convocase o comité que xestiona todos estes temas, do que forma parte o voceiro nacionalista e ó que tiña pensado levar todas as iniciativas que se detallan na moción.
“Mentres o alcalde pasa días en Madrid representando a vila, os problemas recurrentes no litoral burelao semella que poden repetirse outro ano mais. De nada serve estar Fitur se logo os visitantes que nos acompañan no verán non teñen un servizo eficiente e de calidade nas praias” destacou Pillado. Neste senso queren poner en valor que non só é unha cuestión de seguridade ou de servizos senón que a xestión das praias é unha cuestión que afecta tamén no eido turístico e polo tanto tamén no comercial. Se está aberto o debate sobre como abrir o corazón da vila ó mar debido á posible orientación de certos terreos cara o litoral, tamén se debe asegurar que cando cheguemos ós areais todo esté en condicións óptimas.
Noutro orde de cousas, o grupo do BNG tamén defenderá o arranxo das estradas de competencia estatal N634 e N642, en estado lamentábel; así como outro ano mais a conmemoración do día de Rosalía con diferentes actividades, a ver se este ano si que se destaca Burela coma un refente nesta reinvindicación.