Lugo, 12 de xaneiro de 2016.- O Grupo Provincial do PP posibilita, a través das súas propostas en SUPLUSA, que seis novos Concellos da provincia poidan crear os seus polígonos industriais. Trátase en concreto dos Concellos de Riotorto, Pantón, Baralla, Carballedo, As Nogais e Cospeito.
A voceira do Grupo Popular Provincial, Elena Candia, subliñou na súa comparecencia ante os medios, na que estivo acompañada polos alcaldes dos citados Concellos, que son seis municipios da provincia nos que non existen polígonos empresariais, o que os dota de novas e maiores posibilidades económicas de cara ao futuro, ao asentamento de poboación e á creación de emprego.
“Considerámolo un primeiro paso para seguir dotando de músculo ao tecido empresarial e industrial da provincia, un camiño que seguiremos percorrendo noutras localidades”, explicou.
A voceira dos populares agradeceu, como grupo maioritario da Deputación, o apoio dos demais grupos á proposta que onte levou o PP á reunión de SUPLUSA e que foi aprobada por unanimidade. “Os grupos están recoñecendo que a proposta está ben feita, que é necesario crear solo industrial nestes Concellos e por iso foi posible esta unanimidade”, engadiu.
Aumentar a creación de solo
Os populares aproveitaron a comparecencia de hoxe para lamentar que durante os mandatos do bipartito a Deputación apenas creara solo industrial, “unha tendencia que quixemos reverter”.
Elena Candia expuxo que o Grupo Popular traballará para reactivar o solo impulsado pola Deputación de Lugo e que se aproveite a mellora na economía que empeza a percibirse. Tamén advertiu que este grupo, en colaboración cos alcaldes, estará vixiante para que este acordo unánime que onte alcanzamos se cumpra.
“Que o que se asinou polo papel se vexa na realidade. Posiblemente sexa un dos acordos de maior relevancia que tomou a Deputación de Lugo por unanimidade, a creación deste solo industrial nestes seis Concellos que ata o de agora carecían del”, concluíu.