Lugo, 27 de xaneiro de 2016.- O Grupo Provincial Popular pediulle este martes á Deputación de Lugo a través dun rogo que vale con urxencia a estrada que comunica a parroquia de Santa María Maior, pertencente ao Concello de Mondoñedo, e a de Santo Tomé, no Concello de Lourenzá, ao carón do embalse de Baos onde a vía presenta un punto de perigosidade importante.
Os populares presentan esta petición facéndose eco das queixas dos veciños e veciñas que teñen advertido que se trata dun punto sen protección que debe ser valado para garantir a seguridade de condutores e viandantes.
Anticipos aos Concellos
O Grupo Provincial Popular demandoulle ademais á Deputación de Lugo que aprobe as contas xustificativas e o aboamento dos anticipos solicitados dos convenios de colaboración cos concellos aprobados nas Xuntas de Goberno dos pasados meses de setembro e outubro.
Os populares insisten neste tema tras ter presentado unha pregunta ao Pleno de decembro á que o presidente respondeu que a aprobación das contas xustificativas se faría “o antes posible, a principios de xaneiro se non hai novidade”. Como seguen sen aprobarse, O PP rógalle ao Goberno provincial que o acometa “o antes posible”.