Madrid, 20 de enero de 2016.- A delegada da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias, salientou “o gran labor divulgador” da guía gastronómica e turística da provincia E para comer, Lugo, que promove a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría e Turismo, durante o acto de presentación que tivo lugar na tarde deste mércores en Fitur. “Sempre é un completo expositor da calidade e singularidades dos atractivos da nosa provincia”, dixo.
Nesta novena edición o Camiño a Santiago é o protagonista. “Unha elección moi acertada tras a designación das rutas Norte e Primitiva como Patrimonio Mundial; ao que hai que engadir que este ano son obxecto de promoción por parte da Xunta, seguindo o cronograma fixado no Plan Director, e que ademais celebramos o Xubileo extraordinario da Misericordia”, explicou Arias.
O Camiño a Santiago, no que conflúe a espiritualidade, un patrimonio histórico de primeiro orde e unha paisaxe natural excepcional, é un itinerario de referencia mundial, que contribúe de maneira decisiva á internacionalización e difusión de Galicia como destino. “E dado que a nosa provincia é na que se concentran máis quilómetros de Camiño, todos estes valores e todas estas riquezas atópanse aquí multiplicadas”, indicou a delegada, “e, en consecuencia, tamén recibimos o maior número de peregrinos. Ata tal punto que, tres de cada catro camiñantes que chegan a Santiago pasan pola nosa provincia”.
Raquel Arias puxo en valor tamén a credencial para os peregrinos que fagan o traxecto Lugo-Santiago. Unha iniciativa, “resultado do empeño de Lugo Monumental”, que conta coa autorización excepcional do Cabildo da Catedral de Santiago e o aval do Bispado de Lugo, e que permitirá a proxección de Lugo como cidade romana.
“Unha cidade con tres patrimonios da humanidade: Camiño, catedral e muralla”, salientou, “que o vindeiro 24 de agosto se asomara a todo o mundo” cando se converta en meta da quinta etapa da Volta a España, que sairá de terras mariñás.
“Temos que valorar o que temos, protexelo e dalo a coñecer”, engadiu, “porque quen vén a visitar a nosa provincia, vaia a onde vaia, sempre repite. E para comer, Lugo é unha boa guía para axudar a percorrela e descubrila tanto a oriundos como a foráneos”.