Lugo, 16 de febreiro de 2016.- A candidatura que encabeza Elena Candia segue dando a coñecer propostas dirixidas a dar maior peso e voz aos afiliados de base no proceso de toma de decisións do Partido Popular de Lugo.
Así, de acadar os apoios para presidir esta formación política, Elena Candia convocará reunións periódicas do Comité de Dirección nas distintas comarcas da provincia. Estas reunións celebraranse cada seis meses e convocaranse a todos os afiliados da comarca correspondente que poderán participar activamente neste encontro.
Estas xuntanzas servirán, entre outros, segundo explica Candia, para tres obxectivos: informar da xestión realizada, planificar accións futuras e render contas. Tamén se debaterán cuestións de actualidade ou relativas a distintas acción de goberno nas distintas institucións nas que se desenvolve esta responsabilidade.
“Queremos dar máis participación aos militantes de base e a mellor fórmula de facelo é aproveitando as novas estruturas comarcais, que ademais de reunirse periodicamente, como xa anticipamos, serán escollidas directamente polos militantes”.