15 de febreiro de 2016.- O pasado sábado, aproveitando a realización da 2ª etapa do Camiño Norte, os sendeiristas de Burela e Lourenzá visitaron o monasterio de San Salvador de Lourenzá. Miguel Gavín, presidente de Terras de Lourenzá, preparou esta visita que estivo guiada pola Técnico de cultura do concello. Nun acto de benvida, a alcaldesa Rocio López fixo entrega a José Antonio Armesto, presidente de Pasada das Cabras, dunha figura institucional.
A visita serviu para dar a coñecer a todos a inmensa riqueza que atesoura este Monasterio, declarado monumento histórico-artístico no ano 1974. En moitas ocasións realizamos longos desprazamentos para ver monumentos e obras de arte, e pasamos por alto estes tesouros próximos e descoñecidos para a maioría dos mariñáns.
Dentro do conxunto do Monasterio, visitaron a igrexa de Santa Maria, cuxa fachada se considera como un ensaio da fachada do Obradoiro de Santiago. No seu interior atópase o sarcófago do Conde Santo. É destacable o Museo de Arte Sacro, onde se conserva unha importante colección de pintura en táboa, pezas escultóricas e pezas de orfebrería. Tamén visitaron a biblioteca monacal, que garda volumes moi antigos e interesantes. Aínda que a peza máis impresionante desta colección de obras é o relicario barroco do s.XVII situado na sancristía da igrexa.
Finalizada a visita, era comentario xeral o acertado do seu programación e o respetuoso asombro por todo o visto nela, polo que agradecen a Terras de Lourenzá e ao Concello de Lourenzá, en especial á Técnico de Cultura, a súa realización.