Santiago de Compostela, 9/03/2016-. A Casa Museo de Manuel María en Outeiro de Rei, acolle o sábado 12 de marzo ás 12.00 horas, a primeira presentación pública do libro- cd A voz do vento, editado pola Mesa pola Normalización Lingüística, con poemas de Manuel María, música de Fran Amil e a tribo incomprensíbel e ilustracións de Jano.
O acto contará coa actuación musical de Fran Amil, e nel intervirán o secretario da Fundación Manuel María Alberte Ansede, o presidente da Mesa Marcos Maceira e Jano, ilustrador do libro.
O libro componse de 11 temas extraídos dos libros: Terra Chá, Proba documental, Aldraxe contra a xistra, Cantos rodados para alleados e colonizados, Versos do lume e o vagalume, A luz resucitada, As lúcidas lúas do outono e Sonetos á casa de Hortas.
A tribo incomprensíbel está composta por Aarón Bouzón, Álex Bardanca, Fran Amil, Paco Cerdeira e Ricardo Casás.
Neste libro-CD colaboraron coas súas voces Jasper, Paula Romero, Antón Díaz, Xurxo Souto, Belén Tajes, O Leo, M. J. Pérez e Xosé Antón Bocixa.
Segundo sinalou o autor das músicas, Fran Amil, o libro-cd “é unha escolma de All Stars do país” e “unha especie de catálogo de historia pre-pos-bravú”.
A voz do vento, libro–cd editado pola Mesa pola Normalización Lingüística en homenaxe a quen “foi un escritor absolutamente comprometido con Galiza e co seu idioma, tamén a través da Mesa pola Normalización Lingüística” segundo sinalou o seu presidente Marcos Maceira, “ponse música a poemas que van do intimismo ao compromiso a través de diversos estilos contemporáneos que pretenden chegar a todos os públicos mais dun xeito especial ao público xuvenil”.
Na ligazón http://www.amesa.gal/a-voz-do-vento/ pódese escoitar un dos temas, “ollei misiles con radar”. O disco está á venda en librarías e na tenda on-line da Mesa.