Lugo, 2 de marzo de 2016.- A candidata á presidencia do Partido Popular de Lugo Elena Candia suma os apoios dos presidentes locais das agrupacións de O Valadouro e Rábade. Así, tanto José Manuel Lamela como Remedios González subliñan a capacidade de traballo da rexedora e o seu labor como voceira do Grupo Provincial do PP na Deputación de Lugo.
A rexedora de Mondoñedo avanza que Remedios González se incorporará á súa Executiva na área sectorial de educación pola súa bagaxe e traxectoria como mestre. Elena Candia valora, ademais, os bos resultados que ambos os dirixentes locais acadaron nas pasadas eleccións municipais e o traballo desenvolvido por José Manuel Lamela nos seus anos de alcalde.
A ex presidenta da Deputación de Lugo e candidata á presidencia do PP confía en conservar no congreso do domingo a mesma porcentaxe de apoio que vén mantendo desde o inicio do proceso. Agradece o apoio das agrupacións locais que lle veñen trasladando o seu respaldo, así como dos compromisarios que decidiron avalala e de todos e cada un dos militantes que manifestan sentirse identificados co proxecto que lidera xunto con Ramón Carballo.