Cervo, 19 de marzo de 2016.- O BNG – ASEMBLEAS ABERTAS en Cervo faise eco do malestar existente entre as persoas usuarias do servizo de pediatría no Centro de Saúde de San Cibrao que comparte co veciño de Xove. Desde fai mais de 15 días falta a titular da praza sen que se dispuxera o seu relevo, modificando nalgúns casos as citas previas existentes ou obrígase a asistir vía urxencias a Burela para atender casos que deberan atenderse na localidade.
A formación nacionalista afirma que o centro de saúde de San Cibrao podería ser o seguinte da comarca en perder este servizo por xubilación da titular e, como xa sucedeu con outros da comarca, non ter substitución por persoal especializado. No caso do Concello de Cervo sería a segunda praza médica perdida en menos de dous anos.
O BNG – AA pide ao goberno municipal que faga as xestións necesarias diante da Consellaría de Sanidade para evitar as molestias causadas entre as persoas usuarias do concello, cun servizo xa en precario ao prestarse compartido co ambulatorio veciño de Xove.
Causa estupor, manifestan desde o BNG, o silencio do goberno municipal, que tamén se comprometeu a solucionar a perda dunha praza médica no concello fai dous anos e agora imos camiño de perder a segunda, nesta ocasión de persoal especializado sen que nin o alcalde nin ningunha persoa do seu grupo de goberno diga nada.