Foz, 10 de marzo de 2016. O BNG sempre defendeu que o PXOM, na medida en que se trata dun documento que afecta á totalidade dos veciños e que ten unha vixencia por décadas, debe ter en conta a opinión veciñal, algo que neste caso non ocorreu. En primeiro lugar pola negativa por parte do goberno de facer públicas as respostas ás alegacións antes da aprobación provisional, curiosamente contra o que tiñamos acordado no Pleno. E en segundo lugar negándose a promover unha nova fase de exposición pública previa á aprobación provisional, neste caso agravado polo feito de que, ao noso entender, o plan actual establece modificacións substanciais co plan aprobado inicialmente.
O noso compromiso, explicado no programa electoral e formulado de xeito reiterado, fixaba con claridade que o BNG non ía apoiar ningún PXOM que provocase o derrubo de vivendas. Nós non imos ser cómplices co noso voto de que haxa veciños aos que lle tiren a casa, porque si que se tiran casas e xa está ben de andar a enganar a xente con este tema. É certo que non se van tirar mañá ou pasado, tiraranse cando se rematen de desenvolver as unidades de actuación nas que están ubicadas, pero que en ningún caso será un tempo superior a doce anos.
O PXOM representa unha auténtica hipoteca para as parroquias do Concello, porque reduce de xeito moi considerábel o uso de solo residencial, como consecuencia de tentar aumentar a edificabilidade na vila en beneficio da especulación, e tamén por deixar fóra de ordenación centos de vivendas.
Por outra banda debemos ter en conta a memoria económica. Estamos a falar dun Plan cun custo económico de preto de vinte millóns de euros, que implica un investimento anual durante oito anos de, aproximadamente, dous millóns e medio de euros, un plan que asigna investimentos a outras administracións sen que exista un compromiso por parte destas e que carga aos orzamentos municipais unha contía de máis de catro millóns de euros e aos veciños de Foz contribucións especiais por un valor duns dous millóns. Estamos diante dunha hipoteca para os orzamentos municipais, dun auténtico espolio para os petos dos veciños e dunha proposta económica que non é real. E aínda por riba un exemplo de dupla vara de medir, xa que se pretende agora que os veciños carguemos con custes de urbanización que por lei lle correspondía executar aos promotores e que na época das vacas gordas o Concello lles perdoou.
O BNG defendeu desde a primeira aprobación inicial deste documento en 2007 e até os traballos previos a este pleno propostas de modificación que significasen cambios no documento. Estas propostas foron recollidas na nosa alegación e foron rexeitadas en todo momento e o que é aínda máis grave é que a práctica totalidade das alegacións presentadas polos veciños tamén foron rexeitadas, polo que votar a favor do Plan é votar contra preto de cincocentas alegacións. Pero é máis, apoiar esta proposta de PXOM significa apostar por un urbanismo discrecional, ao servizo dos promotores e feito con dúas varas de medir. Significa apostar por un modelo de Foz que non dá solucións ao problema da carestía da vivenda, ao problema da falta de aparcamentos, ao problema da falta de vivenda social, ao problema de entrada ao noso pobo, ao problema de falta de zonas verdes e de dotacións… Significa, en definitiva, apostar por máis do mesmo, apostar por un modelo especulativo que converteu a Foz nun exemplo do que non se pode facer urbanísticamente.