7 de marzo de 2016.- O próximo día 12 de marzo Galicia e Asturias únense para celebrar o I Festival Astur-Galaico. A iniciativa partiu de dous mozos que gozan das orquestras e das festas populares.
As dúas comisións organizadoras pola parte galega; Miguel García, en representación da Comisión de Festas de Santa María Maior de Mondoñedo e en representación de Asturias, Virginia Quintana da Comisión de Festas de Piñera de Castropol. Estas dúas comisións encabezadas por eles decidiron poñer en marcha un festival para dar o pistoletazo de saída ás verbenas na Comarca e así dar a coñecer a estas orquestras, pero sobre todo facer algo innovador.
O Festival celebrarase o día 12 de marzo no Recinto Feiral de Vegadeo, empezará ás 23:00 horas e o donativo de entrada é de 3 euros.
Segundo Miguel García escolleron Vegadeo “porque ese recinto reunía todas as condicións que querían, está pechado e ben situado”. Explica que o obxectivo deste festival “é irmanar un pouco máis a Galicia e Asturias, tamén ser o trampolín para coñecer as orquestras que este ano amenizarán as festas galegas e asturianas”.
As orquestras que participarán este festival son Nueva Banda que vén desde Asturias, Cinema e New York (antiga Filadelfia) que veñen desde Galicia. Participan máis de 60 persoas na montaxe deste espectáculo.