A Mariña, 30 de marzo de 2016.- O presidente da Mancomunidade, Alfredo Llano, asistirá este xoves en Madrid á entrega dos Premios Nacionales de Artesanía 2015 nos que a A Mariña é finalista na modalidade do Premio Promociona para Entidades Públicas. O acto terá lugar no Ministerio de Industria, Energía y Turismo ás 12:30 horas.
Llano salientou que “estamos convocados os tres finalistas, os outros dous son canarios: o Cabildo Insular de Tenerife e Sodepal. Imos cun proxecto turístico que creo que é moi singular e bonito, que é a ruta da artesanía da Mariña lucense. Quedamos finalistas porque consideran que é importante divulgar e dar a coñecer algo que é moi importante e un atractivo turístico extraordinario ao mesmo tempo que se ve claramente cómo se traballa e se fan as cousas na nosa comarca. O proxecto permite, a medida que se vai avanzando na ruta da artesanía, ir comprobando e coñecendo os diferentes concellos onde están instaladas e tamén poder apreciar qué hai en cada un dos municipios”.
O presidente da Mancomunidade engadiu que “este proxecto recolle a quince artesáns que son de todo tipo. Hai artesáns da madeira, do metal, da cerámica, de redes, etc… Eu penso que están máis ou menos recollidos cada un dos oficios que temos na Mariña, aínda que é a nosa intención seguir avanzando neste tema e incorporar máis puntos de artesanía na nosa comarca”.
Llano subliñou que “ese proxecto aparte de incluír aos artesáns que hai nos diferentes lugares en cada un dos concellos que conforman a Mancomunidade tamén figuran os atractivos turísticos e espazos naturais que hai en cada un deles”.
O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña engadiu que “é unha guía turística moi completa que trata de artesanía, do oficio tradicional da nosa comarca. Penso que isto é motivo importante para ser premiado. Esperemos ter sorte aínda que a sorte tamén é poder ir alí e estar de finalistas. Xa de por si é moi importante ser finalista, é unha honra para os dezaseis concellos que formamos a Mancomunidade e se ademais temos a sorte de gañalo xa sería extraordinario. Pero xa digo é moi importante ser finalista”.