Lugo, 10 de marzo de 2016.- Os Alcaldes do PSOE na provincia de Lugo abordaron cos seus representantes na Fegamp prioridades municipais. Fixérono nun encontro na sede do partido na capital luguesa, no que participou o Presidente deste organismo, tamén do PSOE, Alfredo García. Os Rexedores acordaron que todos os meses manterán unha reunión cos membros socialistas da provincia luguesa na Comisión Executiva da Fegamp, que son José Tomé e Regina Polín, Alcaldes de Monforte de Lemos e Guitiriz, para consensuar as inquedanzas municipais na provincia que deben ser obxecto de debate na Federación Galega de Municipios e Provincias.
Na xuntanza, abordaron a sentencia de inconstitucionalidade da Reforma Local, unha normativa “nociva para os Concellos, pois, en contra da nosa vontade, pretendía prohibirnos ofrecer aos nosos veciños servizos prioritarios”, apuntaron os Rexedores.
Por este motivo, subliñaron que “o noso obxectivo agora é abrir dende a Fegamp un proceso de negociación para conseguir unha nova lei de financiación local. Estamos dispostos a ter as competencias razoables, pero sempre co financiamento corresponde para poder ofrecer aos nosos veciños servizos públicos de calidade”, destacaron os socialistas.
Escolas Infantís
Os Alcaldes trataron os problemas que teñen co Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, dependente da Xunta, ao respecto das Escolas Infantís. Subliñaron que non se están a cumprir os convenios mediante os cales os Concellos asumen o 33% dos custes de mantemento destas instalacións, pois os municipios pagan máis desta porcentaxe, en algún caso, ata a totalidade dos gastos. Alfredo García explicou que a Fegamp esta negociando unha solución.
CEIP e centros de saúde
Outros dos asuntos tratados foi a situación dos CEIP. Os Concellos xa asumen os custes de mantemento, limpeza, luz e conserxería destas instalacións, pero falta investimento por parte da Xunta para a mellora dos centros escolares –cando é a súa responsabilidade- que son imposibles de asumir dende as arcas municipais.
Ao respecto dos centros de saúde, os Alcaldes destacaron as trabas que o Goberno galego do PP está a impor para transferir estas instalacións, supondo máis custes impropios para os Concellos.
Revisión catastral
Os Alcaldes amosaron a súa preocupación ao respecto do “Catastrazo”. Subliñaron que se fixeron valoración moi elevadas que prexudican para outros impostos e transmisións patrimoniais. Denunciaron que moitos dos seus veciños están tendo problemas para solicitar subvencións, como por exemplo as becas estudantís, xa que os alpendres, cobertizos ou os establos das explotacións agrarias agora computan como segunda vivenda. Acordaron que é necesario que se revise á baixa a ponencia de valores catastrais xa que están moi por enriba do mercado.