Viveiro, 19 de marzo de 2016.- O colectivo viveirés Pensamento e Sementeira dá comezo á súa programación da primavera cunha visita guíada á fermosa paraxe de Santo Estevo do Ermo, en Barreiros.
Á excursión, aberta e gratuita, será o domingo 3 de abril. Un autobús, que sairá desde a oficina de turismo de Viveiro o primeiro domingo de abril ás 9 da mañá, achegará ás persoas participantes a Barreiros. Desde esta localidade mariñana os excursionistas percorrerán a pé e guiados por membros da asociación cultural Irmandade Santo Estevo a fermosa paraxe da fonte de Augas Santas e visitarán os restos da ermida, a fervenza e a fonte de Santa Rosa.
Ao remataren o percorrido a pé, que supón arredor dos 9 quilómetros, as persoas participantes poderán xantar, en Barreiros para voltar arredor das 6 da tarde a Viveiro.
O colectivo programará ademais varias sesións de cineclube en abril; en maio o espectáculo “PENDANCA E OSO”, de Lucía Aldao e María Lado e tamén está a organizar un recital cos versos de Manuel María que protagonizarán unha ducia de veciños de Viveiro para celebrar así o día das Letras deste ano.