ADEGA esixe á Xunta que anule a DIA da macrocelulosa por incumprir, a sabendas, unha sentenza do Tribunal de Xustiza da UE (TXUE)
Galiza, 5 de xuño de 2025. Coindindo co Día Mundial do Medio Ambiente, a asociación ecoloxista ADEGA vén de encetar a vía administrativa que procura a nulidade dos permisos ambientais da macrocelulosa de Greenfiber, en Palas de Rei, e que podería ser motivo dun novo recurso xudicial.
ADEGA vén de reclamar á Xunta de Galiza que anule a Declaración de Impacto Ambiental (DIA), desestime a solicitude de Autorización Ambiental Integrada (AAI) e obrigue a Altri-Greenalia a someter novamente ao trámite de información pública a solicitude de autorización ambiental integrada, o estudo de impacto ambiental, e a declaración de utilidade pública do proxecto, en aplicación da interpretación fixada pola sentenza do TXUE da Directiva 2010/75/UE (IPPC). Esta sentenza obriga ás promotoras de instalacións contaminantes a informar na solicitude de tramitación das autorización de todas as substancias previstas no proceso de fabricación que teñan efectos nocibos para a saúde humana e para o medio ambiente. ADEGA vén de ratificar que Altri-Greenalia non informou á administración pública de todas as substancias contaminantes previsíbeis, nin na solicitude nin durante a tramitación do expediente, e que, polo tanto, a Xunta declarou ambientalmente compatíbel o proxecto da celulosa a sabendas de que a mercantil incumpría coas disposicións da Xustiza europea.
En caso de que a Xunta rexeite ou non responda á solicitude de ADEGA de nulidade da DIA da factoría de Altri, a organización ecoloxista acudirá aos tribunais.
A Xunta intenta agochar o incumprimento de Altri, tras as advertencias de ADEGA
En xullo de 2024, ADEGA advertiu á Xunta de Galiza de que o proxecto de Altri-Greenfiber non daba conta de todas as substancias contaminantes potencialmente nocivas, agás 4 (partículas PM10, óxidos de nitróxeno, óxidos de xofre e compostos reducidos de xofre) que emitiría a fatoría. Por non informar, nen sequera cuantificou no seu estudo de impacto as emisións de CO2,nin tampouco as de monóxido de carbono, amoniaco, compostos orgánicos volátiles, óxido nitroso, dioxinas e furanos, carbono orgánico total, metano, mercurio, cadmio, zinc… e até máis de dúas ducias de substancias recoñecidas como nocivas emitidas pola instalación.
Daquela instouse á Xunta a que requerira á mercantil toda esta información así como someter novamente ao trámite de información pública a documentación revisada no procedemento de autorización ambiental integrada (AAI). Fixémolo baseándonos nos contidos dunha sentenza do TXUE (Gran Sala) de xuño de 2024, que resolveu unha cuestión prexudicial elevada por un xulgado italiano. O Tribunal Europeo determinou, na súa sentenza (ver cuestión prexudicial segunda -alíneas 106 e 122- da sentenza) que:
“Para os efectos de expedir ou revisar a autorización de explotación dunha instalación ao abeiro da citada Directiva [2010/75/UE, IPPC], a autoridade competente deberá ter en conta, ademais das substancias contaminantes que sexan previsibles pola natureza e o tipo de actividade industrial implicada, todas aquelas que sexan obxecto de emisións cientificamente recoñecidas como nocivas e que poidan ser emitidas pola instalación, incluídas as xeradas pola devandita actividade que non fosen autorizadas no procedemento de autorización inicial da instalación”.
A Xunta non respostou á nosa solicitude e en marzo deste ano publicou unha DIA (Declaración de Impacto Ambiental) favorábel. Nesta DIA, a Xunta recollía a obriga de que aliás dos contaminantes sinalados pola empresa (4), a factoría non podería superar os valores doutras substancias nocivas (25) das que Altri-Greenfiber non tiña informado. Deste xeito, a administración asumiu implicitamente as consideracións expostas por ADEGA na súa solicitude de 2024 e pretendeu simular durante o trámite da AAI o cumprimento dos termos da sentenza do TXUE.
Porén, a sentenza do Alto tribunal europeo non se limita a obrigar as administracións a que teñan en conta todas as substancias que poidan ser emitidas por unha instalación, senón que obriga tamén ás empresas a consignar todos os contaminantes nocivos que podería emitir no procedemento de autorización:
“En consecuencia, o titular dunha instalación está obrigado a facilitar, na súa solicitude de autorización de explotación da instalación, información sobre a natureza, cantidade e posibles efectos adversos das emisións que poida producir a instalación, para que as autoridades competentes poidan fixar valores límite para aquelas emisións, coa única excepción daquelas que, pola súa natureza ou cantidade, non poidan constituír un risco para o medio ambiente ou a saúde humana”.
Como parte interesada, ADEGA tivo acceso ao conxunto do expediente da solicitude de AAI de Altri-Greenfiber. Nel non figura ningunha addenda ou resposta da empresa coa información que falta sobre todas substancias nocivas que podería emitir a fatoría, nin tampouco consta que a Xunta lla pedira. E aínda que así fora (por se foi “traspapelada” e aparece “oportunamente” nalgún momento durante a tramitación), dita información debería ter sido incluída pola empresa na documentación da solicitude de AAI, ou nunha modificación substancial do proxecto e do estudo de impacto, e en calquera caso exposta de novo publicamente, cousa que non aconteceu.
ADEGA pon á disposición pública un modelo de solicitude de nulidade da DIA
Do mesmo xeito que xa fixera coa solicitude de arquivo do expediente de augas de Altri, ADEGA pon á disposición da cidadanía galega un modelo de solicitude para que calquera galega ou galego poida reclamar diante da Xunta a nulidade da DIA da fatoría de Altri e, así, refrendar co seu apoio esta nova vía aberta por ADEGA para tombar o proxecto.



















A comunidade educativa convida especialmente a antigos alumnos, mestres e familias a participar nesta xornada de reencontros e lembranzas.
A festa incorporou unha mesa doce decorada con temática de faros e unha sesión de coctelería dedicada á elaboración de vermús. As persoas asistentes recibiron ademais un detalle conmemorativo: unha botella de aceite de oliva virxe extra de Oleonavas, en homenaxe ás raíces familiares do propietario. O evento incluíu numerosos sorteos grazas á colaboración de diferentes empresas, con premios como comidas en O Noso Lar, na Bodega de Ana ou no Restaurante Nito, ademais de licores, paletillas e circuítos termais. Para esta ocasión preparouse tamén unha carta especial con táboas de carne e instalouse un mural conmemorativo no local. O establecemento agradeceu a fidelidade da clientela e o apoio da veciñanza ao longo desta década, fundamentais para acadar este aniversario tan significativo.
Tras máis de vinte anos dedicada ao debuxo científico, expón desde 2013 e a súa pintura, definida pola crítica como expresiva, colorista e próxima ao surrealismo, chegou xa a numerosos países europeos e americanos.
O Concello destaca que este logro é resultado do esforzo, da dedicación e da paixón polo deporte que o arqueiro demostra en cada competición, levando o nome de Cervo e do seu club ao máis alto. A administración local subliña o orgullo que supón contar con deportistas que representan valores como o traballo, a constancia e a superación.
A iniciativa forma parte do Plan de Sostibilidade Turística en Destino Xacobeo 2021, financiado con fondos europeos Next Generation. No acto proxectouse o tráiler e un capítulo completo. Tras a estrea, os contidos difundiranse nas redes sociais e no YouTube municipal, e no verán organizarase un novo evento para ver a serie íntegra.
Non deben prematricularse quen continúe co mesmo instrumento nin quen opte a talleres, Música e Movemento, Pandeireta ou Instrumentos Tradicionais, que se inscribirán en setembro. As solicitudes presentaranse no rexistro do Concello ou na sede electrónica, sen garantir praza. O alumnado xa matriculado mantén a súa praza se formaliza a matrícula entre o 1 e o 9 de setembro. A Escola contactará na primeira semana de setembro para confirmar dispoñibilidade segundo o Regulamento interno.



