Riotorto, 17 de abril de 2016.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, asistiu este domingo, acompañada da xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, á inauguración da X Feira da Artesanía do Ferro de Riotorto, un punto de encontro para os profesionais deste oficio e que serve como dinamizador económico e cultural da comarca e do sector artesán galego.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria apoia esta feira co obxectivo de impulsar a posta en valor do oficio tradicional dos ferreiros. Durante este encontro organizado pola Asociación de Ferreiros de Riotorto, ofrécense demostracións dos oficios tradicionais por parte de importantes artesáns, non só deste municipio lucense, senón tamén de ferreiros doutros puntos de Galicia, como Alberto Leis (Santiago); e de fora da comunidade, como o Centro de Interpretación de la Forja (Navarra) ou o ferreiro austríaco Friedrich Brasmsteidl. Ademais, o programa inclúe obradoiros de artesanía para nenos e nenas e demostracións de artesáns doutros oficios, como a olería, o téxtil, o pirogravado e a tornaría de madeira.
A Xunta colabora na promoción dos oficios artesanais tradicionais, unha das liñas do Plan de Artesanía de Galicia. Mediante esta estratexia, o Goberno galego aposta pola recuperación, mantemento e divulgación dos oficios como ferramenta de dinamización social e de divulgación da cultura galega, ademais de servir como referente para os novos profesionais que se achegan ao sector artesanal.