Lugo, 7 de xullo de 2016.- A delegada territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias, mantivo este luns na sede de Medio Rural en Celeiro unha reunión de traballo con persoal técnico do distrito forestal da Mariña, encabezado polo xefe de distrito Víctor Manuel Martínez.
Un dos asuntos abordados no encontro foi as obras de prevención dos incendios forestais que se acometerán na comarca este ano e que se centrarán basicamente no acondicionamento de pistas e no desbroce e mellora das áreas cortalumes.
As actuacións nesta primeira fase, ás que a Consellería de Medio Rural destinará preto de 168.000 euros, xa saíron a concurso e, segundo indicou a delegada, prevese que estean adxudicadas a finais deste mes. Aínda que as obras afectarán a cinco concellos mariñáns, será o de Viveiro o que acapare a meirande parte do orzamento. A delegada incidiu no traballo que realizan durante todo o ano as brigadas de medio rural nesta comarca, centradas fundamentalmente en desbroces, podas e melloras de pistas, que dende o ano 2009 supuxeron un investimento de 1,5 millóns de euros.
Galicia é a primeira potencia forestal do Estado e a novena no ámbito europeo. E, consciente desa fortaleza, a consellería incrementou os fondos dedicados ó monte para, ademais de previr os efectos dos incendios, fomentar a silvicultura; a comercialización de produtos forestais; a reforestación e a creación de superficies forestais; ou a constitución de Sociedades de Fomento Forestal (Sofor).
“Con respecto ao pasado exercicio, de feito, a Xunta duplicou o investimento produtivo no monte, ao pasar de case 25 millóns a preto de 51 millóns, para fundamentalmente fomentar a xestión sustentable, a agrupación de propietarios ou o impulso do uso da biomasa con fins enerxéticos, entre outros obxectivos”, salientou a delegada da Xunta.
Neste contexto Arias puxo en valor, por exemplo, que o pasado ano a Consellería de Medio Rural realizou tratamentos silvícolas (rozas, podas e rareos basicamente) para a prevención de lumes en 450 hectáreas de montes veciñais e man común da Mariña. Máis do 60 por cento desta superficie corresponde ao concello de Viveiro.
Estes traballos supuxeron máis de 325.000 euros de investimento. A este mesmo cometido dedicaranse este ano máis de dous millóns de euros en toda a provincia.
A delegada territorial referiuse tamén á importancia que para “a mellora das condicións de vida dos residentes nas áreas rurais” ten o Plan marco de mellora de camiños municipais de acceso a explotacións agrarias. Unha iniciativa, cofinanciada con fondos Feader, que suporá neste exercicio un investimento de máis de 1,6 millóns de euros para os concellos mariñáns, que representa o 30 por cento do previsto para toda a provincia.
Raquel Arias indicou que as novidades introducidas no plan este ano redundarán nun maior beneficio para os concellos e por extensión para os cidadáns, e salientou que os criterios do reparto de fondos foron consensuados entre a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).