Lugo, 19 de abril de 2016.- A Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, oferta este ano na provincia de Lugo 1.960 prazas en campamentos de verán e campos de traballo para nenos e mozos dentro da súa Campaña de Verán 2016 e suma 65 novas prazas á oferta do ano pasado, tal e como informou este martes en rolda de prensa a delegada territorial, Raquel Arias.
“Este ano, a consellería destina ao desenvolvemento deste programa na provincia un orzamento de 623.413 euros, 40.000 euros máis ca no 2015, o que permitirá crear arredor de 350 postos de traballo, entre monitores, persoal sanitario, de cociña, limpeza e mantemento de instalacións”, explicou a delegada.
A nivel galego, o orzamento global da campaña ascende a 2,6 millóns de euros, incrementándose nun 6% o número de prazas e nun 9% o investimento realizado durante o ano anterior.
Raquel Arias tamén puxo de manifesto o valor que teñen os campamentos e as actividades de lecer deste programa como “elementos conciliadores da vida familiar e laboral durante os meses de verán”, á vez que “constitúen unha oportunidade única para que os rapaces practiquen actividades que non sempre están ao alcance de todas as familias”.
Entre a oferta figuran, por exemplo, disciplinas deportivas coma a vela, o wakesurf, o windsurf, o piragüismo ou a escalada, ademais de outras actividades de aventura, en contacto co mar e a natureza, e visitas culturais.
Por outra banda, “a Campaña de Verán da Xunta dinamiza económica e socialmente as localidades onde se desenvolven os campos e campamentos e contribúe a promocionar e impulsar a oferta de lecer destas zonas, a maioría delas do ámbito rural”, lembrou a delegada.
Das prazas ofertadas na provincia de Lugo, 1.840 corresponden á oferta propia da Xunta e 120 concértanse a colectivos ou corporacións locais para que desenvolvan os seus programas en instalacións xuvenís dependentes da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e que se levarán a cabo no Albergue Xuvenil de Area, en Viveiro.
Na programación desta edición contémplanse campamentos de verán, cun total de 1.660 prazas destinadas a rapaces de entre 9 e 16 anos, que desenvolverán actividades en varias quendas nalgunha das sete instalacións destinadas a ese fin na provincia de Lugo. Trátase do albergue xuvenil de Area, en Viveiro; o albergue xuvenil Benigno Quiroga, en Portomarín; o campamento xuvenil de A Devesa, en Ribadeo; o campamento xuvenil Os Chacotes, en Palas de Rei; o poboado de Os Peares, en Carballedo; o albergue municipal de Quiroga; e o complexo residencial xuvenil LUG II, en Lugo.
Este último centro desenvolverá ademais o programa Conéctate con Galicia, no que colabora a Secretaría Xeral de Emigración, e que consiste nun proxecto rotatorio de convivencia entre rapaces galegos e da Galicia exterior, que se familiarizarán coa realidade da nosa Comunidade durante a posta en marcha da iniciativa.
Ademais dos campamentos de verán e de Conéctate con Galicia, a consellería organiza na provincia de Lugo seis campos de traballo internacionais, que duplican a oferta do ano pasado, orientados a mozos e mozas maiores de 18 anos e que se desenvolverán seguindo diferentes modalidades, dispoñendo conxuntamente de 180 prazas.
Neste caso, os mozos beneficiarios do programa desenvolverán actividades durante este verán no campo de traballo arqueolóxico Castelo de Novaes, en Quiroga; no campo medioambiental e arqueolóxico O Caurel, que se desenvolverá no municipio de Folgoso do Courel; no campo de temática cultural Rota do Románico, en Pantón; no campo medioambiental e de difusión turística de Castromaior, en Portomarín; no campo medioambiental e cultural Quintá da Cancelada, en Becerreá; ou no campo de traballo arqueolóxico Casa da Neveria, en Xermade.
O prazo de inscrición para participar nalgún destes campos de traballo comeza o 22 de abril, mentres que a data límite para presentar solicitudes para optar a prazas nos campamentos galegos rematará o vindeiro sábado, día 23.
Ademais da oferta contemplada na Campaña de Verán 2016 da Xunta, a mocidade galega poderá tamén optar a actividades organizadas noutras comunidades autónomas e no estranxeiro. Os interesados poderán obter máis información na web www.xuventude.net, nos espazos xoves da provincia, no servizo provincial de Xuventude e Voluntariado e nas oficinas de información xuvenil dos concellos.
Melloras no campamento de A Devesa (Ribadeo)
A Consellería de Política Social investirá proximamente 150.000 euros en obras de mellora no campamento xuvenil de A Devesa, segundo anunciou a delegada na súa intervención.
As actuacións a realizar atópanse actualmente en fase de adxudicación e centraranse no arranxo das cubertas dos pavillóns, entre outras medidas, sumándose a outros traballos de acondicionamento das instalacións efectuados o pasado mes de decembro.
Segundo dixo Arias, debido a execución destas obras, que prevén iniciarse no mes de maio, os seis campamentos de verán que se desenvolverán no centro darán comezo en agosto.

























Con ela pechouse a celebración das festas de Santa Isabel que, un ano máis, foi todo un éxito.
A súa busca iniciárase ás 18:30 horas de onte e, despois de horas sen noticias, os familiares contactaron co 112 pasada a unha da madrugada. Finalmente, contra as seis da mañá avisaron de que a muller fora localizada nunha finca no lugar de Mos, sen capacidade para erguerse polos seus propios medios, aínda que rexeitou asistencia médica ao atoparse ben. O 112 mantivo informada en todo momento á Garda Civil durante o operativo.
Inclúe as Noites Alternativas e Enredando no Verán. Este martes arrincan as Noites de Futbol na Praia do Torno.
Precísase unha reparación maior e un suplemento de crédito de 350.000 euros, que o Consello de Ministros aprobará a próxima semana. Coa partida concedida, a maquinaria volverá ao paseo en dúas ou tres semanas. O Concello garante que seguirá vixiando os prazos para asegurar a obra con total seguridade.
As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude ao longo desta semana nas oficinas municipais do Concello de Trabada. O alcalde de Trabada, Rubén García, explica que “desde o Concello queremos dar a máxima difusión a esta convocatoria para que todas as persoas interesadas poidan presentar a súa solicitude e formar parte desta bolsa de emprego”. Desde o Concello animan a todas as persoas interesadas a presentar a súa solicitude dentro do prazo establecido, co obxectivo de garantir a correcta cobertura deste servizo municipal durante o período vacacional.
A alcaldesa, Ana Isabel Fernández García, expresou un "orgullo muy grande" por este logro e destacou que a praia urbana "cumple rigurosamente todos los exigentes requisitos que se solicitan". A obtención da bandeira azul require garantir a calidade das augas, socorrismo, accesibilidade e educación ambiental, e o reto agora é manter estes estándares. O Concello colaborou coa Asociación Fraternidad nun proxecto de conservación da fauna local mediante a fabricación e instalación de caixas niño nas dunas de Navia e Frexulfe. Antonio, membro da entidade, explicou o proceso destas dez "casitas de pájaros" e sinalou que "Ha sido un trabajo muy laborioso pero muy gratificante...", agradecendo a colaboración municipal e a visibilidade que dá ao traballo da asociación.
Puxo en valor a importancia deste tipo de eventos para contribuír á preservación dos traballos gandeiros tradicionais. Cómpre salientar que esta festividade está recoñecida como Festa de Interese Turístico de Galicia. Ademais, nesta ocasión, a conselleira foi nomeada Monteira Maior, unha distinción honorífica outorgada pola Comunidade de Montes de Buio e Lerín, organizadora do evento, ás persoas que colaboraron con eles ou os apoiaron. Gómez trasladou o seu agradecemento por esta mención e reafirmou o seu compromiso co sector agrogandeiro, un piar fundamental para o desenvolvemento do noso rural.



