A Consellería de Cultura e Educación programa tres actividades para esta fin de semana no marco do programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes’, que a Secretaría Xeral de Política Lingüística lle destina ás entidades adscritas á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. O lecer familiar ten a súa primeira cita o sábado 2 de abril no concello de Curtis, que acollerá os monicreques da peza ‘A viaxe de Rosalía’. Será no Edificio de Usos Múltiples de Teixeiro onde desde as 12:00 horas o público miúdo gozará dun divertido e didáctico relato que nos acerca a Rosalía feminista, culta, valente e comprometida.
E co mesmo fío condutor e a narración do personaxe de Francisca do Campo, madriña de Rosalía, a delicada interpretación sobre a nosa escritora máis universal estará o domingo 3 na Casa da Xuventude de Mondoñedo, ás 18:30 horas. Unha nova oportunidade para o público lugués de asistir a esta peza que une unha narración oral enriquecida de música e versos para achegar a figura de Rosalía de Castro ao público xeral a partir dos seis anos de idade.
Coma sempre no ‘FalaRedes’, a entrada será libre e de balde ata completar a capacidade das salas en todas as localidades.
‘FalaRedes 2016′
O programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes’ chega á súa quinta edición con novas propostas para gozar do tempo libre en galego que se desenvolverán desde este mes e ao longo de todo o ano nos concellos da RDL.
Os obxectivos de ‘FalaRedes’ son ampliar a oferta de ocio na nosa lingua, promover o seu uso e valoración positiva, fornecer o ámbito municipal de actividades de lecer en galego e apoiar os artistas que desenvolvan o seu traballo no idioma propio de Galicia.
Ao longo das catro edicións anteriores, ‘FalaRedes’ chegou a todos os concellos que integran a RDL (que conta arestora con máis de 170 entidades adheridas), con preto de 700 actividades para público de diferentes idades.
O ‘FalaRedes’ tamén ten ese domingo 3 de abril unha parada no concello de Castro Caldelas. Neste caso coa actividade ‘Xente miúda, moita fartura’, recentemente estreada. Será ás 17.00 horas no incomparable marco do Salón Nobre do Castelo.