A Mariña, 1 de abril de 2016. O BNG mariñao xunto co parlamentario nacionalista por Lugo, Cosme Pombo promoven a presentación dunha batería de iniciativas no Parlamento Galego que buscan abrir un debate sobre o coidado e protección do patrimonio cultural ao que a Xunta de Galiza está obrigada. A formación nacionalista entende que se debe compatibilizar de maneira racional o coidado e protección do patrimonio cultural coa construción de infraestruturas, o urbanismo ou a explotación forestal.
O parlamentario do BNG Cosme Pombo, directivos da asociación cultural Mariña Patrimonio, o portavoz municipal nacionalista en Mondoñedo, Eloi Cabanas e unha delegación da Executiva comarcal presentaron en Mondoñedo unha batería de iniciativas co fin de abrir un debate no parlamento Galego sobre a necesidade de compatibilizar a protección do patrimonio cultural coa construción de infraestruturas, o medre urbanístico ou a explotación forestal.
Debe existir coordinación entre a Consellaría do Medio Rural e a de Cultura para evitar danos ao patrimonio como o sucedido no castro inventariado do Monte da Arca en Mondoñedo
O paquete de iniciativas parlamentares está conformado por preguntas, interpelación e proposición non de lei que buscan coñecer datos sobre o número de xacementos arqueolóxicos inventariados na comarca mariñá, datos sobre o número de xacementos danados ou destruídos nos últimos cinco anos, saber se existe coordinación entre a Consellaría do Medio Rural e a de Cultura a fin de evitar danos en xacementos arqueolóxicos polas labores forestais ou coñecer se o novo decreto que regula a expansión do eucalipto da especie nítens en Galiza ten en conta a existencia de xacementos arqueolóxicos que deben ser protexidos.
A construción de infraestruturas, o medre urbanístico ou a explotación forestal do monte deben ser compatíbeis co coidado do patrimonio cultural que tamén é un recurso económico
Segundo se publicou recentemente nos medios de comunicación, a Asociación Mariña Patrimonio alertou da existencia de arredor de 500 xacementos arqueolóxicos inventariados na zona norte de Lugo, dos que aproximadamente a metade están situados en zonas de explotación forestal onde se usa maquinaria pesada propia dos labores forestais que pon en perigo estes xacementos, de non facerse un uso racional e adecuado. Da mesma maneira, a construción de infraestruturas de comunicación, de ocio ou a expansión desordenada do urbanismo de anos pasados puxo en perigo e mesmo destruíu espazos arqueolóxicos que deberan estar protexidos non so desde o punto de vista cultural senón tamén como reclamo de atracción turística.